A xornada de liga desta fin de semana, a trixésimo segunda no que vai de liga para os equipos cadete e infantil e a primeira eliminatoria da promoción de ascenso para o equipo alevín, depararon uns resultados dispares para os equipos de fútbol base do Armenteira C.F.
O equipo cadete visitaba na mañá do sábado o campo Municipal de Burgáns, onde debía medirse ao C. Xuventude Cambados. O cadro dirixido por Marcial Prado non soubo adaptarse ben ao céspede de herba natural do campo de Vilariño, e cedeu dende o inicio o dominio do balón aos locais. Con todo, aínda que na primeira metade a iniciativa correspondeu ao conxunto amarelo, os visitantes gozaron de claras ocasións nos pés de Marcos Acha e de Carlos Soto. Pero un golazo de Diego Rial dende o borde da área, ante o que nada puido facer o meta Yago, servía para adiantar aos cambadeses ante a desesperación da afección que dende as bancadas non deixaba de animar aos verdinegros. No segundo período o Armenteira C.F. decidiu imprimirlle un cambio de ritmo ao encontro, impulsado pola brega e o temperamento do sempre combativo Alberto. Pecharon na súa área ao C. Xuventude Cambados, pero a falta de claridade na resolución nas xogadas e a mala fortuna impediron que o balón rematase no fondo da rede. Estas accións ofensivas, que a escadra verdinegra realizaba con máis corazón ca cabeza, foron diluíndose co paso dos minutos, permitindo que os amarelos se fosen achegando con máis frecuencia aos dominios de Yago. Foi nunha desas incursións cando Borja Cores, recolleu un rexeitamento tras unha gran parada do meta do Armenteira C.F. para anotar o dous a cero co que remataría o encontro. A próxima fin de semana os de Marcial Prado recibirán a visita do C. Xuventú Sanxenxo, undécimo clasificado con vintetrés puntos, no que se será un duelo de rivalidade que se antolla crucial para que os de O Leixo poidan asegurar o sétimo posto na clasificación final.
O equipo infantil tiña unha durísima proba este domingo no campo de O Pombal. Recibía a visita do C. Vilagarcía S.D., un conxunto que ocupa a segunda praza na clasificación e que aínda ten opción de arrebatarlle a primeira posición ao San Martín C.F. O conxunto dirixido por Martín Casais preséntase moi debilitado sobre o céspede cambadés, xa que non puido contar para esta cita con ningún dos xogadores do equipo alevín, que veñen reforzando habitualmente a este conxunto, pero que neses momentos debían afrontar a primeira eliminatoria da promoción de ascenso. Con só once xogadores na convocatoria o técnico de Vilar tratou de plantexar un partido no que puidese frear na medida do posible as acometidas dun rival tan superior como o cadro vilagarciano. O gol do centrocampista Diego Núñez aos dous minutos adiantaba aos locais e arrincaba os aplausos do público do Armenteira C.F. Pero esta alegría foi efímera, pois o C. Vilagarcía S.D. foi impoñendo o seu potencial e co paso dos minutos os goles non deixaban de adentrarse nas mallas defendidas por Santi. O resultado de un gol a dezaséis co que rematou o partido reflicte ás claras a diferenza de recursos que mostraron sobre O Pombal ambas escadras. O equipo de A Armenteira agarda resarcirse desta severa derrota acadando un resultado positivo no encontro correspondente á vixésimo cuarta xornada que fora aprazado no seu día e que disputará este mércores a partires das 19:30 horas no campo de O Leixo, no que será o último partido como local e a primeira ocasión na que este equipo pise a superficie de terra do campo de O Busto na presente temporada.
Para finalizar, o equipo alevín afrontaba este domingo no campo de A Xunqueira, en Ponte Sampaio, o seu primeiro partido da eliminatoria da promoción de ascenso á Primeira Categoría Alevín, na modalidade de fútbol-8, ante a A.X.D. Verdugo. Os rapaces que adestra Jonathan Crespo partían con gran ilusión ante esta oportunidade que supón o merecido premio á excelente temporada que realizaron. O primeiro período foi de dominio alterno, e as ocasións sucedíanse en ambas áreas. O maior criterio co que os locais movían a pelota fixo que nun deses achegamentos Yahia Michamia adiantase ao conxunto laranxa. Na segunda metade a situación cambiou, e o Armenteira C.F. tomou o control do partido, demostrando ter unha mellor condición física ca o seu rival. Zubo revolvendo unha xogada na área e Adri mediante un precioso lanzamento de falta dende o costado dereito daban a volta á situación, poñendo o resultado de un tanto a dous que resultaría definitivo. Aínda dispuxeron os de O Leixo dalgunha oportunidade máis para afrontar con comodidade o partido da próxima fin de semana, pero o marcador non se moveu. O excelente espectáculo que ámbolos dous conxuntos ofreceron en A Xunqueira, no que os xogadores ofreceron unha gran entrega e mantiveron un alto ritmo de xogo, fixo disfrutar aos afeccionados que se desprazaron ata estas estas instalacións deportivas desta parroquia do Concello de Pontevedra. Todos eles agardarán expectantes o partido de volta, que se disputará previsiblemente en A Armenteira o domingo 5 de xuño.
Ningún comentario:
Publicar un comentario