A polémica situación da Casa de Cultura levou a un grupo de veciños e veciñas de A Armenteira a convocar ao alcalde de Meis, José Luís Pérez, a unha reunión que terá lugar este xoves a partires das 20:30 horas. A habilitación da Casa de Cultura ou Local Social de Vilar, como tamén é coñecida, como albergue para os peregrinos que realizan a Variante Espiritual do Camiño Portugués que conduce a Santiago de Compostela, xerou unha agria polémica entre a veciñanza da parroquia e a xerencia deste alonxamento. Os veciños denuncian que esta medida foi tomada sen informar nin consultar a opinión da parroquia. Ata fai uns meses ambos usos viñan sendo compatibilizados, pero, segundo argumentan, o uso deste local estáselle restrinxindo pouco a pouco ata o punto de ultimamente non poden realizar alí ningúna reunión nin actividade, véndose obrigados a trasladar estes actos ao ximnasio do colexio, co conseguinte malestar para a comunidade educativa do C.E.I.P. de Armenteira, que xa expresou as súas queixas ante os problemas de limpeza que ocasiona este feito e o risco que supón ter aberto o centro a persoas alleas ao mesmo fóra do horario lectivo. Cabe recordar que a aula que se usa como ximnasio, que orixinariamente estaba destinada a usos múltiples e non conta coas características axeitadas para estas tarefas, está no interior do centro, e que para acceder a ela é necesario entrar pola entrada principal, que tamén da acceso ás demais partes do centro. As obras que están en marcha na pranta baixa da Casa de Cultura, que dotarían aos veciños dunhas instalacións para o seu uso, continuando a pranta principal como albergue, servirían para poñer fin a esta polémica, pero a lentitude coa que se están levando a cabo provocan que as queixas da veciñanza vaian en aumento, sobre todo cando se comezou a extender o rumor de que este pranta superior local, a única que está actualmente en uso, foi cedida á institución que xestiona os albergues de Galicia, impedindo totalmente a súa utilización por parte dos veciños.
Ningún comentario:
Publicar un comentario