O Armenteira Veteranos logrou na tarde deste sábado, no encontro disputado ante o Cafetería Pasaje un cómodo triunfo por cinco goles a un. O partido axiña se lles puxo de cara ao conxunto que capitanea José Luis Galiñanes, que logrou ir ao descanso cunha vantaxe de cinco goles a cero. Os cambios tácticos na segunda metade, na que os locais colocaron só tres homes na liña defensiva, non deron os resultados agardados, e iso, unido á relaxación que lles provocaba a ampla vantaxe, deron a oportunidade aos de Moraña de achegarse con máis frecuencia á meta defendida unha vez máis por Joserra. Foi nun deses achegamentos no que os visitantes conseguiron o seu único tanto. De novo foi determinante a actuación de Jorge Castro, autor de catro dos goles do Armenteira Veteranos, desta vez perfectamente asistido entre outros por Marcial e Manueliño. Para enmarcar tamén o gol de Javi dende máis de corenta metros de distancia. O centrocampista de Couso volveu a levar con éxito o timón do cadro verdinegro e tivo tempo para deleitar ao público que se congregou en O Leixo cos seus detalles técnicos, entre os que nunca faltan as súas habituais rabonas. O gran nivel da primeira metade, na que destacou a solidez defensiva, a resolución en ataque e as numerosas incursións por bandas, polas que estivo especialmente activo o lateral Portas, que conseguiu desbordar en máis dunha ocasión, demostran o excelente nivel que pode acadar un Armenteira Veteranos que con este triunfo continúa na oitava posición con cincuenta e seis puntos e mantén intactas as súas aspiracións de situarse nos postos altos da táboa. Na próxima fin de semana o equipo de O Leixo debe rendir visita ao conxunto valgúes do Salud, décimo sétimo clasificado con vintedous puntos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario