Buscar neste blog

domingo, 8 de maio de 2016

Dúas derrotas nunha xornada luctuosa para os equipos de fútbol base do Armenteira C.F.

A xornada desta fin de semana, a vixésimo novena no que vai de liga, deparou para os equipos de fútbol base do Armenteira C.F. un balance de dúas derrotas. Foron unhas derrotas ata certo punto agardadas, xa que os rivais aos que se enfrontaron contan cun potencial bastante superior ao dos conxuntos verdinegros. Pero, con todo, a xornada estará para sempre marcada polo tráxico falecemento nun accidente de tráfico do pai do xogador do equipo infantil Kevin Domínguez, que conmocionou a toda a comunidade que forma parte do Armenteira C.F. e que obrigou a suspender o encontro que o conxunto infantil debía disputar no campo de A Senra 2 ante o C.D. Ribadumia. Ademais, en cada un dos encontros que disputaron os equipos do Armenteira C.F. decidiuse gardar un emotivo minuto de silenzo.

O equipo benxamín recibía na mañá do sábado, no campo de O Leixo, á S.D. Amanecer. O cadro meco enseguida quixo impoñer a súa superioridade e xa se puxo cunha clara vantaxe no marcador nos minutos iniciais. Os rapaces e rapazas que adestran Valentín Estévez e José Ramón Dacosta pouco podían facer ante un rival que, alentado polo seu adestrador, non baixaba a intensidade no xogo, e apuraba a presión cara a saída do balón dende a meta defendida unha vez máis por Sara Otero, afogando o inicio da xogada do conxunto verdinegro. Unha das escasas notas positivas para os locais estivo nunha clara ocasión da que dispuxo Brais Santamaría na segunda metade, pero na que non foi acompañado pola fortuna. O cero a trece reflicte claramente o visto sobre a superficie de terra de O Leixo, e non deixa de ser unha anécdota máis no proceso formativo no mundo do fútbol que está a vivir este grupo de nenos e nenas. Na próxima xornada o equipo benxamín do Armenteira C.F. deberá visitar o campo de As Chans para medirse á poderosa escadra da S.D. Pontearnelas, que ocupa o segundo posto na clasificación con setenta e catro puntos.

Pola súa contra, o equipo cadete disputaba a segunda eliminitaria da Copa Deputación ded Pontevedra, na que lle tocaba recibir a un dos conxuntos con maior potencial no fútbol base a nivel provincial, a E.D. Arousa S.D. O técnico local, Marcial Prado, decidiu apostar pola contención no sue plantexamento táctico, e decidiu formar cunha defensa de cinco xogadores e sen ningún punta de referencia en ataque. Aínda que a disposición do equipo variou, non ocorreu o mesmo cos nomes que presentou sobre O Leixo o adestrador de San Salvador. O conxunto verde e negro presentouse con Yago na portería, cunha zona defensiva con Sergio Nogueira e Diego Berreco como centrais,  con Carlos Soto como líbero, con Roberto polo carril dereito e Javi Moimenta no carril esquerdo; un mediocampo con Bale como pivote defensivo e con Jose Piñeiro e Mathias como organizadores; e con dous homes tirados aos costados, Villa no dereito e Alberto no esquerdo. O cadro visitante, como era de prever, fíxose co dominio do balón dende o primeiro minuto, e trataba de facelo circular a gran velocidade nunha superficie nada favorable para o fútbol polo que se aposta na escola deportiva vilagarciana. Unha clara ocasión que Alberto tivo nos seus pés, tras unha asistencia de Bale, pero que o dianteiro de Vilariño estrelou contra as luvas do meta rival, puido adiantar ao Armenteira C.F. e cambiar o rumbo do encontro. Pero o entramado defensivo plantexado por Marcial Prado comezou a romperse cando Marcelo Abalo colocaba coa testa o balón do fondo das mallas de Yago tras un saque de córner. Uns minutos despois o propio Marcelo Abalo volvía a marcar para o cadro visitante ao tocar con sutileza ante a saída do porteiro un balón que recibiu en profundidade de Martín Diz, que se mostrou como o xogador máis desequilibrante dos que compareceron sobre o campo de A Armenteira, Xa na segunda metade os vilagarcianos lograban dous novos tantos, un mediante un lanzamento directo de córner que Roberto non deu despexado e outro combinando unha bonita xogada combinativa. A boa imaxe que deu o equipo cadete do Armenteira C.F. foi agradecida polo público, que loubou a súa actitude, e que agarda que este nivel de xogo se manteña a próxima fin de semana, na que debe visitar á A.D. Arousa F-7, que atopa na oitava posición con trinta e tres puntos, unha posición menos e cun puntos menos cós de O Leixo.


















Ningún comentario:

Publicar un comentario