O Armenteira Veteranos logrou na tarde deste sábado, no campo de O Cabalo, en Santa Cristina de Cobres, unha vitoria por un gol a cinco que lle permite seguir soñando con acadar o terceiro posto na clasificación final. O cadro verdinegro presentouse en Vilaboa coa obrigada baixa por sanción do centrocampista Cacabelos, ademais das doutras importantes pezas no equipo como as de Óscar no centro da defensa, as de Víctor, Alfonso, Pellejo ou Chicho na liña medular. Ante a evidente merma que supoñían estas ausencias o conxunto de O Leixo prantouse no terreo de xogo coa intención de levar o control dende o inicio. O rival, o Peña Rácing, un clube que tradicionalmente soe poñer en dificultades aos de Armenteira, asumiu o seu papel de actor secundario no argumento do encontro, e tratou de repregar liñas e agardar algunha perda de balón do rival para lanzar os seus contragolpes. Nos primeiros minutos a posesión do Armenteira Veteranos non se traducía en ocasións claras. O cadro visitante insistía unha e outra en vez recurrir aos lanzamentos en longos buscando os movementos en ataque de Manueliño e Galiñanes. E foi este último o encargado de abrir a lata. Recibiu un balón na área, controlou e axustou a pelota lonxe do alcance do porteiro local. Co resultado a favor a escadra verde e negra continuou co control da situación, pero a falta de puntería e a boa actuación dun polivalente gardamallas do Peña Rácing, que ademais de defender a portería tiña que exercer de líbero, impediron que as ocasións acabasen en gol. A insistencia dos visitantes tivo o seu premio nas botas de Jorge Castro que, coa mestría que o caracteriza, puxo a cero a dous co que se chegou ao descanso. Na segunda metade o Armenteira Veteranos seguiu ampliando a súa vantaxe, e así, Manueliño en xogada individual despois de recibir un pase en longo, Marcial cun disparo dende fóra da área aproveitando que o porteiro se atopaba adiantado e, de novo Jorge Castro, tras recibir unha perfecta asistencia do central Portas, completaron os cinco tantos cos que os de O Leixo quixeron reafirmar a súa superioridade en Santa Cristina de Cobres. Só a relaxación e o cansanzo dos minutos finais permitiron aos locais lograr o tanto da honra. Con este triunfo o Armenteira Veteranos ascende ata a sexta posición, con sesenta puntos, e a falta de tres xornadas para que remate a liga, mantén intactas as súas opcións de alcanzar o terceiro posto na clasificación final. A próxima fin de semana o conxunto verdinegro recibirá a visita do Rayovedra, un equipo que ocupa a décimo cuarta posición con trinta e tres puntos, e espera acadar unha nova vitoria coa que refrendar a súa excelente campaña que, entre outros xogadores, está personificada na figura de Jorge Castro. O dianteiro de Vilar suma xa 29 dianas, que o converten nun dos xogadores máis determinantes dos que militan nos distintos clubes deste grupo da liga de veteranos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario