Buscar neste blog

domingo, 22 de maio de 2016

Morre a trencha de A Armenteira

O falecemento este sábado día 21 de maio de Adolfo Villanueva, "O Racho", deixa á parroquia de A Armenteira sen unha das figuras máis carismáticas. Con el vaise unha parte importante da historia da parroquia nas últimas décadas. Personaxe polifacético, este veciño de O Busto destacou sobre todo como carpinteiro, labor para que contaba cunha extremada pericia. Das súas mans saíron boa parte dos elementos de carpintería do Mosteiro de Armenteira, tanto na igrexa como nas outras dependencias do convento. As súas obras tamén deixaron pegada no Mosteiro de Poiom no salón do Café Bar O Comercio e en numerososos fogares da parroquia e da comarca, nos que aínda se conservan moitos restos do seu traballo. Isto convertiuno nunha persoa moi aprezada non só polos propios veciños, senón tamén polo cura párroco da A Armenteira, Don Ramón Fernández, co que mantiña unha estreita relación, polas Irmás da Comunidade Cisterciense que habita o Mosteiro de Armenteira e polos Pais da Comunidade de Mercedarios do Mosteiro de Poio. Pero tamén moitos o recordarán como taxista e como condutor dun pequeno autobús, do que era propietario e que fora construído en parte por el, no que, ata fai aproximadamente vintecinco anos trasladaba ás xentes da parroquia polos distintos lugares da contorno. Lexendarias eran aquelas viaxes coa pasaxe completa ata a Feira do Mosteiro, entón aínda na súa época de apoxeo, á que os veciños de A Armenteira se trasladaban a mercar e vender gando, e aproveitaban para adquirir algún dos numerosos artigos que alí soían venderse e tomar unhas tapas de callos ou pulpo nos establecementos que se instalaban nos arredores. Na viaxe de regreso era común ver como as persoas compartían o desprazamento xunto coas galiñas, ovellas ou porcos que os veciños traían da feira para as súas casas. O "Racho" será enterrado na tarde deste domingo en A Armenteira, despois dunha cerimonia relixiosa que dará comezo ás 18:30 horas.


Ningún comentario:

Publicar un comentario