Os equipos de fútbol base do Armenteira C.F. que disputaron partidos de liga esta fin de semana, a trixésima no que levamos de liga, non tiveron demasiada fortuna en canto a resultados e non conseguiron acadar a vitoria en ningún dos casos.
O equipo benxamín medíase na mañá do sábado á S.D. Pontearnelas, un difícil rival que se atopa en plena loita polo campionato de liga. O cadro que adestran Valentín Estévez e José Ramón Dacosta saiu ao terreo de xogo con orde e ben prantado sobre un campo de As Chans que presentaba un aceptable ambiente. Nos primeiros minutos os rapaces e rapazas do conxunto verde e negro mostráronse como unha escadra seria que ofrecía relativa resistencia a un rival cuns recursos bastantes superiores. Pero co paso dos minutos a S.D. Pontearnelas foi impoñendo a súa maior fortaleza e acabou derrotando aos de O Leixo por catorce goles a cero. Con todo, a imaxe do equipo benxamín do Armenteira C.F. foi máis que aceptable dadas as circunstancias e segue dando mostras de progresión partido a partido. A próxima fin de semana a formación que dirixe Valentín Estévez recibirá a visita do C. Xuventú Sanxenxo, un equipo que ocupa a décimo terceira posición con vintecinco puntos.
O equipo cadete tiña esta fin de semana un enfrontamento directo ante a A.D. Arousa F-7. Os rapaces que dirixen Marcial Prado e Víctor Saborido precisaban non saír derrotados do campo de Berdón para non verse superados polo seu rival deste sábado. As cousas non comezaron ben para os verdinegros, xa que aos 21 minutos de encontro Sergio De Lima adiantaba aos locais. Non sería ata os primeiros intres da segunda metade cando o central Carlos Soto conseguía a igualada para os de O Leixo. A partir de entón mantíveronse as alternativas dun e outro conxunto, pero o resultado xa non se movería. Con este empate o equipo cadete do Armenteira C.F. manten o sétimo posto, con trinta e cinco puntos, un posto por enriba e cun posto máis ca a A.D. Arousa F-7. Na próxima fin de semana o cadro verdinegro recibirá no campo de O Leixo ao Vilalonga F.C., segundo clasificado con cincuenta e tres puntos, pero que ten disputado dous partidos menos ca o líder, o San Martín C.F.
Para finalizar a fin de semana, o equipo infantil recibía no seu feudo de O Pombal, en Cambados, á C.D, Portas. Tratábase dun enfrontamento directo entre os dous conxuntos que ocupan as últimas prazas do grupo, polo que o resultado presentábase como trascendental de cara á clasificación final de ámbolos dous equipos. A formación que dirixen Martín Casais e Jonathan Crespo saiu ao campo falto de ritmo e veuse superado dende o primeiro momento por un rival con máis ritmo, tanto a nivel físico como futbolístico. Pero un lanzamento de falta dende uns trinta metros de Álex Ruel servía para adiantar aos locais e parecía que podería ser un soplo de aire para mellorar o nivel de xogo que ata ese momento estaban mostrando. Non foi así, e a C.D. Portas seguiu levando o control da situación e nese contexto apareceu a figura de Fran Vega, un rapaz miúdo pero de gran calidade, que foi un verdadeiro pesadelo para a defensa verdinegra pola banda esquerda. En dúas xogadas individuais o xogador de Portas deulle a volta ao partido, na segunda delas culminando unha bonita acción individual cunha perfecta vaselina. Nada máis comezar o segundo período Jorge Ferreira volvía a anotar para os granates, deixando a un Armenteira C.F. anímica e fisicamente derrotado, sen marxe para a reacción nos minutos que restaban de encontro. O un a tres co que finalizou o partido volve a colocar aos de O Pombal na última posición, da que aínda teñen esperanzas de saír no que queda de competición. E non terán tempo para lamentarse desta derrota, pois este luns, a partires das 18 horas, deben visitar o campo de A Senra 2 para enfrontarse a outro esixente contricante, o C.D. Ribadumia, que se sitúa na cuarta posición con sesenta e un puntos. Trátase dun encontro correspondente a vixésimo novena xornada, que foi aprazado a pasada fin de semana polo pasamento do pai do xogador do equipo infantil do Armenteira C.F. Kevin Domínguez.
Ningún comentario:
Publicar un comentario