A xornada desta fin de semana, a vixésimo oitava no que vai de liga, foi para os equipos de fútbol base do Armenteira C.F. unha xornada goleadora, de goles a favor, especialmente no caso do equipo cadete, e de goles en contra, no caso dos equipos de categoría benxamín e infantil.
O equipo cadete recibía na mañá do sábado no campo de O Leixo ao C.D. Bamio. Os rapaces que dirixen Marcial Prado e Víctor Saborido non quixeron ningún tipo de confianzas ante un rival que ocupaba a última posición da táboa cun único punto e saíron por intensidade para poñer o encontro ao seu favor dende os primeiros minutos. E así foi, nada máis comezar Mathias adiantaba aos verdinegros, e enseguida virían outros dous tantos, co que puideron xestionar o resto do partido con relativa tranquilidade. O equipo alevín apostou entón por un xogo máis combinativo e trataba de profundizar polas bandas que ocupaban Villa e Marcos Acha. O cinco a cero co que o conxunto verdinegro se foi ao descanso fixo que na segunda parte entrase nun clima de relaxación, do cal non saiu ata os minutos finais cando Mathias volveu a tomar o timón do mediocampo e se deixou ver a capacidade resolutiva de Alberto. O marcador final de nove goles a cero, con catro tantos de Mathias, tres de Alberto, un de Villa e outro de Gulte reflicten a clara superioridade que os de O Leixo mostraron sobre os vilagarcianos. A próxima fin de semana, o cadro adestrado por Marcial Prado terá que facer fronte a un duro reto, xa que ten que disputar a segunda rolda da Copa Deputación de Pontevedra ante o E.D. Arousa S.D., unha escadra pertencente a unha das escolas de fútbol base da provincia e á que moitos sinalan como máximo favorito a alzarse co título de campión desta competición.
O equipo benxamín afrontaba outra esixente visita esta xornada. Debía desprazarse ata o campo do Monte da Vila para medirse á U.S.D. de O Grove. Ás múltiples dificultades que está sufrindo esta temporada este grupo de rapaces e rapazas que adestran Valentín Estévez e Pol Dacosta sumábase este sábado algunhas ausencias de última hora. Con estas circunstancias tan adversas o corpo técnico tratou de plantexar un encontro no que frear na medida do posible o potencial ofensivo dos mecos. Pero pouco puideron facer os compoñentes da formación verdinegra, que viron como de forma implacable os locais perforaban unha e outra vez as mallas defenderon Sara Otero e Sergio Matilde. Ben sabedores son os pacientes afeccionados do Armenteira C.F. que os resultados son un aspecto máis dos moitos que compoñen o proceso formativo do fútbol base, e que gañar ou perder deben ser considerados un aspecto secundario neste proceso, e que un resultado de vinteún goles a cero como o deste sábado quizas non sexa o máis edificante nin para os que se levaron os tres puntos nin para aqueles que non. A próxima fin de semana o equipo benxamín debe recibir a visita no campo de O Leixo da S.D. Amanecer, outro conxunto da península de O Grove, que ocupa a décima posición con corenta e un puntos.
Para finalizar, o equipo infantil disputaba no campo de O Pombal unha novo partido como local. O rival era o difícil conxunto do Unión Dena C.F. Os rapaces que dirixiu Jonathan Crespo volveu saír ao terreo de xogo sen a intensidade necesaria e, xa no minuto un os visitantes tomaban vantaxe. A partires de entón a debilitada moral destes xogadores fíxose aínda máis endeble e o Unión Dena C.F. ía pouco a pouco marcando distancias. O gol do xogador de categoría alevín Adri, que nesta ocasión formou na punta de ataque do conxunto infantil, ao culminar con acerto un contragolpe, supuxo unha das poucas alegrías que os verdinegros puideron dar aos seus seguidores. O fútbol de toque co que os de Jonathan Crespo trataron de recompoñerse na última parte do encontro viuse laminado por unha ofensiva final dos de Meaño, ante a que pouco puido facer Álex Ruel, que de novo tivo que exercer de meta ocasional nos últimos minutos. A vitoria por un gol a dez que se levaron os de Dena supón outro duro revés para un grupo de xogadores que mantén o tipo con mérito nunha situación tan compricada como a que lle tocou vivir esta temporada. A próxima fin de semana o equipo infantil deberá rendir visita ao C.D. Ribadumia, unha potente escadra que ocupa a cuarta posición con cincuenta e oito puntos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario