O Armenteira Veteranos conseguiu no partido que disputou na tarde deste sábado no campo Municipal de Campaña, en Valga, ante o Salud S.D. Veteranos, unha importante remontada que lle permite manterse con opcións de alcanzar os postos altos da táboa. Nun escenario que antaño pertenceu ás escolas de formación de fútbol base do Real Madrid, o cadro de O Leixo saiu ao campo aqueixado dunha apatía que permitiu aos locais adiantarse nos primeiros intres de encontro aproveitando un balón en profundidade cara o centro da defensa que o dianteiro centro valgués soubo conducir con éxito cara o fondo das mallas defendidas por Joserra. Os males do Armenteira Veteranos foron en aumento cando Richi tratou de despexar un centro do Salud S.D., con tan fortuna que o introduciu dentro da súa propia portería. A crítica situación na que se atopaban os verdinegros parecía cambiar cando o porteiro dos de Valga saiu a cortar coas mans fóra da área un balón en longo e o colexiado decidiu mostrarlle o cartón vermello. Con xogador máis sobre o campo os de A Armenteira comezaban a ter esperanzar de revertir a situación, pero cando se estaba a piques de chegar ao descanso, unha pelota roubada dos pés da defensa visitante foi habilmente trasladada cara o o fondo da rede do Armenteira Veteranos por un dianteiro do conxunto de Valga e parecía asestar aos visitar unha ferida que aparentaba ser mortal. O Salud S.D. víase xa gañador pero o Armenteira Veteranos decidiu cambiar a súa disposición táctica sobre o campo deixando só tres xogadores na liña defensiva e adiantou liñas para buscar con máis insistencia a meta local. Un centro de Galiñanes que se foi envelenando supoñía o primeiro paso cara a esperanza, que se veu refrendada cun balón colgado que Marcos soubo colocar no fondo das mallas e, a falta de cinco minutos, un balón cruzado, que tras tocar nas mans dun defensa do equipo de Valga que o árbitro non viu ou non quixo ver, caiu nos botas de Jorge Castro que, coa frialdade que o caracteriza, definiu con éxito colocando a bola pegada ao pau esquerdo do cadro local. Non houbo tempo para que a recuperación do Armenteira Veteranos fose absoluta, pero tendo en conta o discurrir do encontro o punto acadado no Municipal de Campaña deixa un bo sabor de boca para os de O Leixo. Este resultado final de empate a tres goles deixa ao Armenteira Veteranos no sétimo posto con cincuenta e sete puntos con opción aínda de loitar polo terceiro posto. Na próxima fin de semana o Armenteira Veteranos deberá visitar o campo de O Cabalo, en Santa Cristina de Cobres, para medirse ao Peña Rácing, décimo clasificado con corenta e dous puntos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario