Os tres equipos de fútbol base do Armenteira C.F. que disputaron partido de liga esta fin de semana, o benxamín, o cadete e o infantil, acadaron uns resultados aceptables, na que era xa a trixésimo primeira xornada dunha temporada que está chegando á súa fin.
O equipo benxamín recibía na mañá do sábado ao C. Xuventú Sanxenxo, no que representaba outra dura proba para os rapaces e rapazas que adestran Valentín Estévez e José Ramón Dacosta. As importantes baixas da gardamenta Sara Otero e do mediocampista Álex Grigorio, entre outras, lastraron aínda máis a un conxunto escaso de recursos fronte á maioría dos rivais cos que comparte grupo. Con todo, o conxunto benxamín volveu a dar mostras da súa progresión e a colocación e a orde táctica xunto co incipiente xogo combinativo que tratan que practicar son o merecido froito dos resultados que está a dar o bo traballo que se está a realizar con estes futbolistas. O gol de Brais Charlín ven a demostrar tamén que pouco a pouco este equipo é máis incisivo en ataque. O marcador final de un gol a doce non representa máis que unha nova anécdota na enriquecedora experiencia futbolística que están a vivir estes nenos e nenas. A próxima fin de semana o conxunto benxamín debe visitar o campo de Berdón para medirse ao C. Vilagarcía S.D.,que ocupa a sexta posición con sesenta e tres puntos.
O equipo cadete tamén tiña outra dura proba, Recibía no campo de O Leixo ao Vilalonga F.C., un dos cadros que ocupa a parte alta da clasificación e que se atopa en plena loitar por acadar unha das prazas que permiten o ascenso de categoría. As importantes ausencias de Bale, Villa e Alberto supoñía un durísimo contratempo para a escadra verdinegra. Pero os rapaces que adestran Marcial Prado e Víctor Saborido non se amilanaron, e prantaron cara dende o principio aos celestes. Nun encontro equilibrado, e sen demasiadas ocasións, as diferenzas marcounas o gol do central Diego Berreco no que, tras recibir unha magnífica asistencia de Carlos Soto nun saque de falta, acomodou o balón co peito e colocouno con suma destreza xunto ao pau dereito da portería contraria. O defensa de Dorrón é un deses xogadores que, condicionado pola súa demarcación no campo, marca poucos goles, pero cando o fai, soe tratarse de tantos moi decisivos para o seu equipo. A vitoria final por un gol a cero coloca aos de O Leixo na sétima posición con trinta e oito puntos, mantendo opcións de acadar aínda a quinta posición, na que se atopa a E.F.B. Vilanova con sete puntos máis, Restan tres xornadas de liga, e unha delas correspóndense coa cita que o equipo cadete do Armenteira C.F. terá a vindeira fin de semana no campo de O Pombal ante o C. Xuventude Cambados, un conxunto que ocupa a duodécima posición con dezasete goles.
Finalmente, o equipo infantil enfrontábase de novo a outro duro reto. Medíase no campo de Monte Redondo, en Corón, á E.D. Arousa S.D. "B", unha escadra formada case na súa práctica totalidade por rapazas e que destaca polo bo trato do balón e o xogo combinativo e dinámico que practica. A formación que nesta ocasión dirixiu Martín Casais presentouse moi mermada no campo vilanovés, con só once xogadores. As dificultades aumentaron cando o conxunto local se adiantou no marcador nos primeiros intres do encontro, e cando pouco despois, os mareos que sufría o extremo Davide, o obrigaron a pasar uns minutos sentado no banco de suplentes. Con tantas adversidades parecía que estaban condenados a unha nova derrota pero, estes rapaces demostraron que tamén teñen coraxe e, con entrega e con loita acabaron firmando un partido verdadeiramente notable. Un disparo de longa distancia de Jose Otero igualaba o marcador e, na segunda metada, o extremo Raúl Moldes culminaba unha bonita xogada de contragolpe cun excelente lanzamento dende o borde da área que se colaba pegado ao pau esquerdo do cadro fucsia. O desgaste físico e a intensidade que o equipo local lle puxo ao ritmo de xogo dos últimos minutos provocou que, tras un balón colgado que cruzou a zona central da defensa do Armenteira C.F.,, Uxía Dos Santos, que xa anotara o primeiro tanto do seu conxunto, enviase o esférico cara o fondo das mallas defendidas por un acertado Diego Núñez. O empate co que finalizou o partido, o segundo para os rapaces do cadro verde e negro no que levamos de temporada, contribúe a reforzar a debilitada moral deste grupo de futbolistas, que na próxima fin de semana deberán recibir no campo de O Pombal ao C. Vilagarcía S.D., segundo clasificado con oitenta e dous puntos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario