O Armenteira C.F. comezou este venres a distribuír as entradas para o partido que disputarán o venres 20 de maio no Estadio Municipal de Riazor, de A Coruña, as seleccións de Galicia e Venezuela. As localidades, correspondentes ao Fondo de Pavillón, teñen un prezo de 10 €, e permitirán aos afeccionados que as adquiran contemplar un encontro no que se enfrontan dous equipos con xogadores de nivel internacional entre os que destacan Denis Suárez, Santi Mina, Lucas Pérez ou Iago Aspas polo combinado galego e Miku, Peñaranda ou Salomón Rondón polo venezolano. A expedición do clube verdinegro que irá ata A Coruña irá nun autobús que sairá dende A Armenteira, dos arredores do colexio, ás 17:30, e que pasará pola rotonda de Os Castaños, en Barrantes, para recoller ás persoas que desexen unirse ao grupo nese lugar. Os trámites que a Xunta Directiva do Armenteira C.F. realizou coa Federación Galega de Fútbol permitiron que esta entidade se fixese cargo dos gastos do desprazamento, co que os afeccionados que decidan ir ao partido soamente terán que abonar o prezo da entrada. Ademais, para premiar o esforzo dos seus xogadores e xogadoras durante a temporada que está a piques de finalizar o clube de O Leixo conseguiu negociar co Pontevedra C.F. a entrega de 30 invitacións para o partido que o conxunto granate disputará o próximo domingo a partires das 18 horas ante o Burgos C.F. Estas entradas permitirán o acceso gratuito aos compoñentes do plantel do Armenteira C.F. que teñan entre 6 e 13 anos. Dende a Xunta Directiva da entidade verdinegra animan a todas aquelas persoas que estean interesadas en adquirir tanto as entradas para o encontro do día 20 en Riazor como o do vindeiro domingo en Pasarón a que se poñan en contacto co clube coa maior brevidade posible.
Ningún comentario:
Publicar un comentario