Un gol do central Portas nas postrimerías do encontro serviu para rescatar ao Armenteira Veteranos no encontro que disputou na tarde deste sábado no campo de O Leixo ante o Rayovedra. Nunha tarde chuviosa e desapacible, o cadro verdinegro, que volveu a contar de novo co apoio incondional dende as bancadas do capellán da Comunidade Cisterciense do Mosteiro de Armenteira, saiu ao terreo de xogo frío e apático, cunha falta de intensidade impropia nun conxunto no que soe basar o seu éxito no traballo colectivo e no alto ritmo de xogo. O rival, unha escadra que demostrou ter un potencial ao que indica a súa situación na táboa, tomou o control do partido dende o inicio, apoiado na fluidez na circulación da pelota e na calidade individual dalgún dos seus homes. E foi así como nunha na que a defensa do Armenteira Veteranos non foi quen de despexar como se adiantaron os visitantes. O esférico cruzou a área sen que ningún dos defensores puidese desviar a súa traxectoria e caiu nos pés dun dianteiro rival que, libre de marca, o introduciu no fondo das mallas. Na segunda metade, no medio dunha forte chuvia e cunha superficie do terreo de xogo cada vez máis enlameada, os locais adiantaron liñas e comezaron a cercar a portería do Rayovedra. Pero a fortuna non estaba do lado das cores verdes e negras, e nun malentendido entre o lateral Moncho e o meta Joserra, o balón acabou nas botas dun dianteiro visitante que, coa portería baleira, só tivo que empurrar a pelota. Parecía que o partido conducía de forma irremediable cara unha derrota do Armenteira Veteranos pero, Manueliño, remachando sobre a liña de gol un remate de Galiñanes, acurtaba distancias. E xa cando o encontro chegaba á súa fin, no período de desconto, o central Portas atopou un balón botando a uns vinte metros da meta do Rayovedra e. cunha perfecta bolea, conseguiu colalo pola escadra esquerda da portería dos visitantes, Un tanto digno dun xogador das ligas de fútbol profesional que, de ser anotado por calquera das estrelas das ligas de fútbol profesional, sería repetido unha e outra vez nos resumos televisivos, pero que, nesta ocasión só serviu para que o Armenteira Veteranos conseguise salvar un punto cun empate a dous final do que quizais non foi merecedor. Con este resultado o equipo verdinegro descende ata a sétima posición, con sesenta e un puntos, situación que agarda mellorar a próxima fin de semana cunha vitoria en O Leixo ante o Peña Rácing, un conxunto que ocupa a décima posición con corenta e nove puntos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario