Buscar neste blog

xoves, 12 de maio de 2016

O alcalde promete que o problema da Casa de Cultura estará solucionado en dous meses

A reunión que o alcalde de Meis, José Luis Pérez, tivo cos veciños e veciñas da parroquia de A Armenteira no ximnasio do colexio saldouse coa promesa de que o problema en relación co uso da Casa de Cultura estará solucionado nos meses xullo ou agosto. A tensión que presidiu a asemblea da A.V.R.C. Valdedeus do pasado sábado, na que tamén estivo presente o propio rexidor, e tras a que se decidiu citar de urxencia ao alcalde para aclarar un tema que tanto preocupa aos veciños, fixo que o alcalde iniciase a súa intervención cun discurso no que trataba de enfriar os ánimos do numeroso público que se congregou no C.E.I.P. de Armenteira. Ante a insistencia dos asistentes José Luis Pérez tivo que pasar a explicar a cuestión pola que foi citado e facer fronte ás preguntas que querían unha aclaración acerca da situación da Casa de Cultura e da xestión que se está a facer co albergue de peregrinos alí instalado. A falta de transparencia coa que se levou a cabo a transformación deste local en albergue, para o cal non foron informados nin consultados os veciños, e as discrepancias coa labor da persona encargada das tarefas de limpeza e xerencia deste establecemento foron as principais cuestións que se lle plantexaron ao alcalde. Ademais quixeron deixar claro o malestar que causa na parroquia a imposibilidade de usar estas instalacións así como as dúbidas respecto do control de rexistro dos peregrinos que se aloxan no albergue. Ante isto, o rexidor tratou de convencer a uns incrédulos asistentes, afirmando que as obras da parte baixa do local serán acometidas proximamente e que está previsto que nun prazo de dous meses estean finalizadas. Para entón farase un reparto dos usos das dependencias, quedando a pranta superior para uso da veciñanza, mentres que a pranta inferior quedará habilitada como albergue. O falecemento no pasado mes de decembro do xerente deste local fixo que o clima de aparente tranquilidade que se vivía na parroquia comezase a romperse e que asuntos como a xestión da Comunidade de Montes Chan da Fonte, da A.V.R.C. Valdedeus ou da Casa de Cultura, todas elas baixo o control da mesma persoa, e contra as que ata ese momento non existía un movemento de oposición, se convertesen en obxecto de polémica nunha parroquia que comeza a demandar un cambio e esixe un maior protagonismo na toma de decisións en aspectos nos que, como os que citamos, se ve tan directamente afectada.




Ningún comentario:

Publicar un comentario