Buscar neste blog

luns, 16 de maio de 2016

O C.D. Ribadumia impón en A Senra a súa superioridade sobre o equipo infantil do Armenteira C.F.

O equipo de categoría infantil do C.D. Ribadumia impuxo este luns no campo de A Senra 2 a súa superioridade futbolística sobre o Armenteira C.F. O conxunto aurinegro saiu ao terreo de xogo a contemporizar, sabedor das súas maiores capacidades, mentres que o conxunto de O Leixo trataba de manter a orde táctica e incluso lanzaba de vez en cando algún contraataque, principalmente a cargo do punta Piñeiro, que chegou a asustar aos afeccionados locais. Pero aos doce minutos de xogo Joel Carballa xa daba vantaxe ao C.D. Ribadumia. Esta situación facía que o cadro local se sentise aínda máis cómodo e pouco a pouco foi aumentando a diferenza no marcador ante unha escadra verdinegra que aguantaba o tipo e mostraba certa seriedade fronte a unhas circunstancias tan adversas. A fortaleza de Álex Ruel en defensa, a loita de Jose Otero do mediocentro, os toques de calidade de Diego Núñez na media punta e o pundonor de Piñeiro en ataque foron algunhas das notas máis significativas dun equipo que deu unha aceptable imaxe en A Senra e que resiste en base ás gañas e a ilusión polo fútbol e por defender unhas cores nunha temporada tan difícil como a que lle tocou vivir. O esgotamento físico de Íñigo e a lesión de Xoán debilitaron aínda máis ao conxunto, o que foi aproveitado polo C.D. Ribadumia para deixar claro o seu potencial co nove a cero co que finalizou o encontro. Na próxima fin de semana o equipo infantil do Armenteira C.F. deberá visitar o campo de Monte Redondo, en Corón, para medirse á E.D. Arousa "B", unha escadra formada fundamentalmente por rapazas, que destaca polo estilo de fútbol combinativo que practica e que ocupa a décimo terceira posición con vintesete puntos.


Ningún comentario:

Publicar un comentario