Coma en moitos outros lugares de Galicia o Entroido de A Armenteira tamén ten a súa tradición. Non é tan singular nin tan recoñecido como poden ser os cigarróns de Verín, as pantallas de Xinzo de Limia, os peliqueiros de Laza, os felos de Manzaneda, o boteiro de Viana do Bolo, todos eles na provincia de Ourense, ou como outros máis próximos como os Xenerais do Ulla ou as damas e galáns de Cobres, no concello de Vilaboa. Pero esta festa tan popular ten unha profunda raigame na nosa parroquia, que se remonta a varios séculos atrás e que aínda pervive na memoria das xentes. Lonxe das festas con coloridos e máis ou menos elaborados disfraces de hoxe en día, a tradición do noso Entroido relaciónase principalmente cuns curiosos personaxes, que non eran outros que os choqueiros. Estas figuras, que ao parecer debían o seu nome a unhas campaíñas metálicas, chamadas chocas, as cales penduraban dos seus cintos, caracterizábanse por ataviarse con improvisadas e estrafalarias vestimentas, procedentes dos modestos roupeiros da época. O seu principal obxectivo era non ser recoñecibles e, por este motivo, ocultaban de forma coidadosa o rostro baixo máscaras, panos ou pinturas. Deste xeito, os choqueiros e choqueiras recorrían as distintas aldeas da parroquia, habitualmente en grupos, e moitas veces acompañados de algún apeiro de labranza. Cada fogar era parada obrigada, e alí se detiñan para pasar un exhaustivo recoñecemento por parte dos membros da familia que saían a recibilos e se esforzaban descubrir a identidade de tan extrafalarios seres. Despois duns minutos de interrogatorio, ao que respondían cuns breves balbuceos, a despedida soía ir acompañada dunha recolleita de moedas que, de forma máis ou menos xenerosa, as xentes depositaban na sinxela ucha, un prato ou unha taza na maior parte dos casos, que levaban con eles.
Xa en tempos máis recentes de seguro que haberá quen recorde aquel acto tan peculiar que servía para pechar o Entroido en A Armenteira. Estámonos a referir ao enterro de gato. Durante varios anos, e con Digna Villanueva á fronte, un grupo de persoas organizaba unha procesión que recorría os camiños de entorno do mosteiro cisterciense para, entre choros e lamentos, despedir cunha fogueira a aquel entrañable felino. Van máis de vinte anos dende que este evento se deixou de celebrar, pero son moitas as persoas da parroquia as que añoran festexos deste tipo nunha época como a que vivimos na que o Entroido segue máis vivo ca nunca e na que recuperan tradicións ou se crean outras novas, alentadas dende concellos, centros educativos ou asociacións de todo tipo. Por elo, o rexurdimento do Entroido de A Armenteira sería unha maneira de revivir na memoria das xentes un tempo e unhas costumes que as novas xeracións deberían coñecer e de poñer en valor os rasgos que nos identifican, non moi distintos dos doutros lugares de Galicia, pero van unidos a unha terra e a unhas xentes que habitaban nun lugar tan máxico e lexendario que facía, e segue facendo, que os seus modos de vivir e sentir sexan especiais. Así os modernos e coloridos disfraces de pirata, vampiro ou princesa poderían convivir cos añorados choqueiros. E esta volta, ou máis ben reinterpretación do pasado, debería contar necesariamente co sabor das filloas, das orellas e doutros doces típicos desta época, que ano a ano gañan presenza nas mesas dos fogares e dos establecementos de hostalería, e que son o mellor exemplo do bon comer e da riqueza gastronómica que conserva unha parroquia que vive no presente pero non quere perder de vista a memoria dun tempo que quedou atrás e sen o cal non poderiamos entender o que hoxe somos.
.
Buscar neste blog
luns, 27 de febreiro de 2017
sábado, 25 de febreiro de 2017
O equipo infantil do Armenteira C.F. refrenda a vitoria fronte á C.D. Portas
O equipo infantil conseguiu vencer por dous goles a cero na continuación do partido coa C.D. Portas que fora suspendido polo colexiado Núñez Caamaño o pasado 4 de febreiro debido ao mal tempo e ás deficientes condicións nas que se atopaba o terreo de xogo de O Leixo. Superados os efectos que aquela potente borrasca deixou en boa parte de Galicia, o encontro reanudouse no minuto 6 da segunda metade e no mesmo lugar no se detivera o balón. Con todo, os minutos previos ao inicio non estiveron exentos de polémica. A información errónea que este mesmo colexiado dera aos representantes do Armenteira C.F. a pasada fin de semana cando acudiu a O Leixo para dirixir os partidos dos equipos alevín e benxamín provocou unha severa confusión e case trastoca os plans do técnico local. Núñez Caamaño indicara que os equipos debían respectar as convocatorias e os onces iniciais da parte do partido disputada, versión que mudou cando chegou ao campo a escasos minutos da hora fixada para a reanudación. Isto fixo que o conxunto verdinegro mobilizase a última hora a Sebas para que figurase entre os convocados. Non puido ser o caso de Álex Ruel, o cal, tras consultar ás autoridades federativas, non puido ser alineado ao ter que cumprir a sanción que conleva a expulsión por cartón vermello directo do partido da pasada xornada ante a S.D. Pontearnelas. O adestrador local, Valentín Estévez "Tilín" dispuxo un equipo titular formado por Sergio na portería, Migui, Xoán, Santi e Andrei en defensa, Andrés Liu, Carlos, Jose Otero e Mosteiro na liña de medios, Hugo na mediapunta e Piñeiro en ataque. O encontro tivo pouca historia. O claro dominio do Armenteira C.F. fixo que o coiro permanecese practicamente en todo momento no terreo de xogo defendido polos de Portas, e foron varios os avisos do Armenteira C.F. antes de que Jose Otero lograse o único tanto que se viu na mañá deste sábado en O Leixo. Piñeiro en varias ocasións e Mosteiro e Hugo en algunha outra non tiveron fortuna, pero si a tuvo o centrocampista cambadés. Foi nunha certeira cabezada a un saque de córner que puxo xustiza a un marcador que se quedou curto vistos os méritos que ámbolos dous conxuntos mostraron sobre a terra do campo do lugar de O Busto. De feito, as intervencións de Sergio reducíronse a unha acertada saída de xeonllos para deter un lanzamento forzado dun dianteiro visitante e a un par de cortes co pé un cantos metros máis adiante da súa área. Este vitoria mantén á escadra verde e negra na novena posición, agora con vintenove puntos, da que aspira a saír na cita que terá a próxima fin de semana no campo de Berdón ante o C. Vilagarcía "B", décimo terceiro clasificado con quince puntos.
Chan da Fonte inicia a corta libre de acacias
Este sábado, coma moitos outros do ano, sobre todo naqueles con menor risco de incendios forestais, foi unha xornada na que os veciños e veciñas de A Armenteira cargaron os seus tractores e, dotados de motoserras, se dirixiron aos montes na procura de leña coa que quentar os seus fogares ou coa que alimentar o lume das súas cociñas. Pero houbo unhas persoas para as que este sábado foi especial, e non son outras que os comuneiros e comuneiras da C.M.V.C. Chan da Fonte que, tal como acordaron na última Asemblea Xeral Ordinaria, dispuxeron hoxe dunha xornada de corta libre de acacias. Esta árbore, orixinaria de Australia e considerada unha especie invasora, extendeuse por amplas zonas da superficie forestal de Galicia, desprazando a outras especies autóctonas, co que se convertiu nun serio perigo para o equilibrio ecolóxico. Por este motivo, os comuneiros de Chan da Fonte respaldaron de forma maioritaria esta proposta da xunta rectora, que estableceu este sábado, así como o martes 28 de febreiro, o sábado 5 de marzo e o martes 7 deste mesmo mes como días de corta libre, que poderían prolongarse no caso de que aínda quede madeira sen recoller. Deste xeito, os membros da entidade que reúne aos veciños dos lugares de Vilar, Caroi, Valboa e O Busto terán a oportunidade de proverse deste recurso tan necesario nos fogares ao tempo que colaboran na limpeza do monte e na erradicación desta especie dos terreos da súa propiedade.
domingo, 19 de febreiro de 2017
Un mermado equipo feminino do Armenteira C.F. cae indefenso ante o C.D. Conxo
O equipo feminino do Armenteira C.F. pouco puido facer ante o C.D. Conxo no partido que disputou na mañá deste domingo no campo de O Leixo. As ausencias e as numerosas lesións que levan afectando ás xogadoras que adestra Marcial Prado deixaron ao conxunto tremendamente mermado e sen apenas efectivos para afrontar unha cita xa de por si máis que compricada. O cadro técnico local presentou un equipo inicial con Uxía na portería, Laura, Alessandra, Diana e Jessica na liña defensiva, Raquel, Naomi e Ana Martínez no mediocampo, Ana Abal e Paula nos costados e Ángeles na punta de ataque. A enorme calidade do conxunto rival púxose de manifesto dentro o inicio. O bo trato do balón, a fluídez no xogo, os desmarques e os detalles técnicos das xóvenes xogadoras do populoso barrio de Santiago de Compostela foron un obstáculo insalvable para as debilitadas futbolistas locais. No minuto 7 Carmen Trigo adiantaba ao seu conxunto e a partires de entón chegarían ata oito tantos máis ata completar o marcador final de cero goles a oito. No medio de todo isto ocorreron as lesións de Jessica, que a obrigou a retirarse do terreo de xogo primeiro durante uns minutos, e logo, tras pasar polo posto de porteira, de forma definitiva; a de Uxía, que despois de ter que abandonar o terreo de xogo volveu como xogadora de campo, e a de Ángeles, á que os seus pertinentes problemas de xeonllo impediron continuar como futbolista de campo e tivo que rematar o partido exercendo de gardamallas, unha demarcación que non lle resultaba nova e na realizou varias intervencións de mérito. Con tantas vicisitudes e tras o enorme desgaste físico que supuxo este partido para as xogadoras que defenderon a camisola do Armenteira C.F. nunhas circuntancias tan pouco favorables o descanso da próxima xornada resulta moi necesario. Este breve parón na competición permitirá que a escadra verdinegra poida recuperarse fisicamente e preparar o difícil final de temporada que lle agarda, e que terá a próxima cita o domingo 5 de marzo no duelo de rivalidade comarcal ante a S.D. Pontearnelas.
Remontada do equipo infantil do Armenteira C.F. nunha intensa segunda metade
O equipo infantil do Armenteira C.F. conseguiu unha importante vitoria por tres goles a un no partido que disputou na mañá deste domingo no campo de O Leixo ante a S.D. Pontearnelas. O cadro que dirixe Valentín Estévez "Tilín" presentouse coa baixa de última hora de Kevin e cun once inicial formado por Sergio baixo paus, Migui, Xoán, Sebas e Santi en defensa, Jose Otero polo costado dereito, Álex Ruel e Carlos na zona de creación, Andrés Liu no costado esquerdo, Hugo na mediapunta e Mosteiro como xogador máis adiantado. Tras uns minutos de tanteo Mosteiro dispuxo da primeira ocasión clara do encontro pero, a partires de entón, a S.D. Pontearnelas comezou a aproximarse cada vez con maior frecuencia á meta verdinegra. Os vilanoveses aproveitaban a debilidade defensiva dos locais para lanzar balón ás costas dunha defensa que se vía en moitas dificultades para interceptalos. A acertada actuación do meta Sergio e a rapidez no corte de Migui impediron que o seu equipo se fose en desvantaxe ao descanso. Na continuación, a entrada de Piñeiro, que desta volta tivo que agardar a súa oportunidade dende o banco de suplentes, supuxo un cambio decisivo no rumbo do partido. Con todo, cando o dianteiro de Vilariño levaba apenas dous minutos no terreo de xogo e antes de que a reacción fose posible, a S.D. Pontearnelas volveu a poñer en evidencia a debilidade defensiva dos de O Leixo e enviou un lanzamento en profundidade que Pablo Vázquez recibiu para bater a Sergio. Non tardou moito en respostar o Armenteira C.F. e foi precisamente Piñeiro gañando no corpo a corpo aos defensas vermellos e definindo con calidade ante o meta Adrián Muñiz. Pouco despois, Jose Otero culminaba un contragolpe e colocaba por diante ao seu conxunto. O vento parecía soplar a favor para os de "Tilín" e así se confirmou cando, tras varios nunha acción no coiro tropezaba unha e outra vez cos zagueiros de Pontearnelas, Santi acertou a introducilo no interior das mallas. A expulsión de Álex Ruel despois de discutirlle unha decisión do colexiado Lameiro Sánchez, pouco afortunado na súa actuación deste domingo, non trouxo maiores quebrantos para un Armenteira C.F. que soubo resistir e incluso manter o control da situación en inferioridade numérica durante a recta final do partido. Este triunfo coloca ao cadro verdinegro na novena posición con vinteséis puntos, cifra que poderán aumentar na reanudación do encontro suspendido o pasado 4 de febreiro ante a C.D. Portas por mor do mal tempo e o deficiente estado do terreo de xogo de O Leixo, e que terá lugar o próximo sábado a partires das 12 horas.
sábado, 18 de febreiro de 2017
Os comuneiros respaldan de forma maioritaria os novos proxectos da xunta rectora de Chan da Fonte
A Asamblea Ordinaria que a Comunidade de Montes Veciñais de Man Común Chan da Fonte celebrou este sábado nos locais da Casa de Cultura de A Armenteira discurriu de forma plácida para a xunta rectora que preside Serafín Melón. A polémica á que se pretendeu incitar nos últimos días a través das redes sociais non tivo apenas repercusión na xuntanza e os comuneiros e comuneiras foron aprobando unha a unha e de forma unánime as propostas que lles ían presentando. A limpeza do monte e a posterior repoboación cunha plantación de eucaliptos foi quizais o proxecto estrela que o goberno da entidade presentou aos asistentes. Ademais disto, propúxose que os comuneiros poidan dispoñer para a súa corta dunha área ocupada por acacias, unha especie invasora que consideran que é preciso erradicar, e que permitirá que as familias poidan proverse de leña para os seus fogares ao tempo que colaboran na tarefa de limpar a superficie forestal. No medio do ambiente sosegado que se respirou na Asemblea, e que se viu completado polos pinchos de rigor, tamén se trataron temas coma a venda de madeira que a Comunidade está realizando nas últimas semanas a unha empresa madeireira do Concello. Estes ingresos, tan necesarios para a Comunidade, servirán para financiar os proxectos, así como poñer en marcha ideas como a de crear unha área recreativa no entorno do campo de fútbol de O Leixo, unhas instalacións situadas dentro das máis de 500 hectáreas de terreo que posúe a entidade comunal, e que xunto ao centro CAAN, a canceiro promovida pola Deputación de Pontevedra e que da servizo a cincuenta concellos da provincia, representan dúas das propiedades máis emblemáticas de Chan da Fonte.
O Armenteira Veteranos deixa escapar de novo dous puntos no último suspiro
O Armenteira Veteranos conseguiu empatar a dous goles no partido que disputou na tarde deste sábado ante o Sisán Veteranos no campo de A Senra-2. O resultado, que a priori pode resultar meritorio, deixa un mal sabor de boca para os verdinegros tendo en conta como se produciu o desenlace do encontro, especialmente nos intres finais. O cadro de A Armenteira presentou un once inicial con Joserra coma gardamallas, Richi, Óscar, Marcos e Portas na liña defensiva, Marcial, Martín, Jorge Castro e Alfonso no mediocampo, e Galiñanes e Manueliño na dianteira. O regreso de Martín tras recuperarse dun esguince de xeonllo era a principal novidade que mostraron os verdinegros nas modernas instalacións deportivas de Ribadumia. Dende os primeiros minutos os locais asumiron a posesión do balón. O bo manexo do coiro, que facían circular coa fluídez e o sentido máis característico dun equipo de fútbol-sala, otorgoulles o control do xogo, ante o que o Armenteira Veteranos agardaba ordenado no seu campo e buscaba cando podía aos seus atacantes con lanzamentos en longo. Un desaxuste defensivo dos visitantes deu lugar a unha xogada por banda esquerda do Sisán Veteranos, que caiu dentro da área nos pés de Pedro Falcón, que non perdonaría. Con esta vantaxe a situación era máis que propicia para que os locais acabasen facéndose cos tres puntos. Pero non foi así. Os de O Leixo comezaron pouco a pouco a reaccionar, ganando as disputas de balón grazas á súa maior velocidade de anticipación e, en base á súa actitude sempre loitadora e a unha condición física superior á do rival, emprenderon a díficil tarefa de lograr os tres puntos. Dúas ocasións claras nas que Jorge Castro se plantou só ante o meta Rafa Novo foron o aviso do que ocorrería na segunda metade. O abandono do terreo de xogo de Martín, Alfonso, Richi e Manueliño, que debían atender aos seus compromisos profesionais, deixou en cadro aos verdinegro pero non os privou da ambición da vitoria. Unha sensacional volea de Galiñanes poñía a igualada, e tras un interncambio de golpes chegaría un frenético final de encontro. O penalti cometido por Javier Gómez sobre Jorge Castro cando este se presentaba en solitario ante o meta local, e que conlevou a expulsión con cartón vermello directo do defensor, foi transformado polo atacante de Vilar para adiantar ao seu equipo. Pero nada máis sacar de centro, xa no minuto 89, outro penalti, neste caso a prol do Sisán Veteranos, foi convertido en gol de novo por Pedro Falcón, para establecer o resultado final de empate a dous. Despois desta emocionante e intensa xornada o Armenteira Veteranos continúa na décima posición con vintecinco puntos. A próxima cita para os de O Leixo, despois do breve parón de Entroido, será o 4 de marzo cando reciban ao Cafetería Impacto-Mosteiro, quinto clasificado con trinta e oito puntos, reeditando un novo e atractivo derbi entre os dous únicos clubes da categoría de veteranos que existen no concello de Meis.
A S.D. Amanecer exhibe o seu sólido liderato ante o equipo benxamín do Armenteira C.F.
A S.D. Amanecer, líder destacado do grupo 64A de categoría benxamín, deixou claro o potencial que atesoura tras o seu paso polo campo de O Leixo para medirse na mañá deste sábado ao Armenteira C.F. A loita, a presión e a aceptable colocación dos rapaces e rapazas que dirixen Luis e Alba Barral non foron suficientes ante un rival que conta por vitorias todos os partidos que leva disputados nesta segunda fase de competición. O gol de Marcos Lois sería o primeiro dos oito que lograrían os de San Vicente de O Grove. catro na primeira metade, na que a portería verdinegra foi defendida por Sara Otero, e catro na segunda, cando Óscar Lois exerceu de gardamallas. Aínda que os locais tiveron algunha aproximación á area meca, protagonizadas sobre todo polo ímpetu e a entrega de Brais Charlín e Ainoha, non puideron anotar ningún tanto no seu casilleiro. Esta derrota por cero goles a oito mantén ao Armenteira C.F. na oitava posición, da que procurarán saír no encontro da próxima xornada, que non será outro que o derbi municipal que disputarán ante o C.D. Mosteiro na fin de semana do 4 e 5 de marzo, e que previsiblemente teña lugar no remozado Campo Municipal de Meis, no que vén de instalar un flamante céspede artificial e no que se están ultimando os detalles para o seu uso nos partidos de competición.
Nova vitoria do equipo alevín do Armenteira C.F. para seguir coa súa marcha triunfal
O equipo alevín do Armenteira C.F. conseguiu unha nova vitoria no partido que disputou na mañá deste sábado ante o C.E.D. Cotobade. O conxunto que dirixen Luis e Alba Barral impúxose con claridade a un rival que se adiantaría no marcador e que conseguiu extender o nerviosismo entre a afección local durante os primeiros minutos, pero que logo acabaría sucumbindo ante a escadra verdinegra por nove goles a dous. O gol de Mateo De León e a intensidade e a boa disposición táctica dos de Cercedo-Cotobade parecían que ían dar emoción ao encontro. Pero, empurrados polos cada vez máis numerosos seguidores os xogadores e xogadoras locais foron pouco a pouco actuando coma unha apisonadora ante o que nada puido facer o C.E.D. Cotobade. Unha internada culminada en gol polo propio Junior poñia a igualada e, a partires de entón as aproximacións do Armenteira C.F. íanse producindo con máis frecuencia. Brais Santamaría, en tres ocasións de forma consecutiva, Sara Rey rematando no segundo pau un magnífico centro de Adri, Manu Meixús tras desfacerse de varios rivais, Íñigo recollendo un rexeitamento do porteiro a tiro de falta de Adri, o propio Adri recibindo un balón en profundidade e, finalmente, Manu Meixús, completarían o recital de goles que os de Luis Barral ofreceron en O Leixo, e que só se veu interrumpindo polo que o espigado Kibrom Gamallo lograría para os vermellos. Con este triunfo afianza ao Armenteira C.F. na segunda posición con dezaoito puntos, dende a que tratará de volver asaltar o liderato na próxima xornada, a disputar a fin de semana do 4 e 5 de marzo, na que visitará a difícil cancha do Campo Municipal de San Pedro para medirse á E.F. Villa de Marín, que ocupa a terceira praza con quince puntos.
domingo, 12 de febreiro de 2017
O C. Xuventude Cambados impón a súa superioridade sobre o equipo feminino do Armenteira C.F. en O Pombal
O equipo feminino C. Xuventude Cambados venceu con claridade ao Armenteira C.F. no partido disputado na tarde deste domingo no campo de O Pombal. Nunha tarde fría e chuviosa as rapazas que adestran Marcial Prado, Junior Tirado e Iván Borrageiros non tiveron opcións ante un rival máis experimentado e con xogadoras que marcan a diferenza na categoría e que acabou vencendo por sete goles a un. O cadro técnico verdinegro presentou un once inicial con Uxía baixo paus, Fátima, Alessandra, Karla e Laura en defensa, Raquel, Diana e Ana Martínez na zona central do mediocampo, Ana Lorenzo e Paula polos costados e Mar na liña de ataque. A rápida vantaxe coa que se atoparon as locais nada máis comezar condicionou o desenvolvemento do encontro. Dous goles de Lara Piñeiro poñían por diante ás cambadesas cando apenas se levaban tres minutos de encontro. E sería esta xogadora a protagonista dos seguintes goles para o seu equipo. Ata catro goles anotou esta talentosa dianteira nos corenta minutos nos que compareceu sobre o céspede artificial de O Pombal. Co resultado en contra e condenadas a unha nova derrota as de A Armenteira só puideron ofrecer loita e intensidade no xogo. Nunha das súas aproximacións á área rival unha man dunha defensora do C. Xuventude Cambados derivou nunha pena máxima que transformou con mestría Ana Martínez. Houbo máis ocasións para que as verdinegras marcasen, a máis clara estivo nos pés de Raquel, pero a escasa fortuna e a falta de acerto impediron que o lograsen. A contundencia no corte de Alessandra ou Diana, a pelexa constante de Karla, a calidade de Ana Martínez ou a profundidade por banda de Paula son algúns dos aspectos máis positivas que estas rapazas levan desta nova experiencia de fútbol. A nota negativa foi sen dúbida as lesións de Fátima, un esguince de xeonllo segundo indican as probas realizadas, e de Karla, que se retirou cunha forte dor no abdome. Este resultado mantén ao Armenteira C.F. na duodécima posición, á espera de recibir o próximo domingo no campo de O Leixo a outro difícil rival, o C.D. Conxo, cuarto clasificado con trinta e seis puntos.
Importante triunfo do equipo benxamín do Armenteira C.F. sobre a lama de O Leixo
O equipo benxamín do Armenteira C.F. conseguiu unha importante vitoria no encontro que o mediu na mañá deste domingo á A.D. Arousa F-7. As choivas que caíron durante o partido e as horas anteriores fixeron que a superficie do terreo de xogo estivese completamente enlameada e nunhas condicións pouco favorables para a práctica do fútbol, algo que desgraciadamente ocorre con demasiada frecuencia neste campo. Con todo, os nenos e nenas que adestran Luis e Alba Barral que, lembremos que son os principais sufridores desta situación, xa que deben adestrar e xogar habitualmente nunhas condicións tan precarias, souberon sobrepoñerse ás circuntancias e, en base á loita e a unha entrega encomiable lograron un meritorio triunfo por tres goles a un. O cadro técnico local dispuxo un equipo inicial con Sara Otero na portería, Saray, Ramón e Lucas Otero na defensa, Uxía, Óscar e Brais Charlín na liña de medios, e Ainoha como xogadora máis adiantada. O partido caracterizouse dende o inicio pola disputa continua dos balóns e o xogo embarullado, e desenvolvíase principalmente na zona de mediocampo. No medio deste equilibrio de forzas Brais Charlín resolveu con acerto unha xogada na área e puxo por diante ao seu conxunto, Pouco despois o futbolista de Silván recollería un balón preto da liña de gol e lograría o segundo tanto. Con esta vantaxe todo era propicio para que o triunfo se quedase na casa, aínda que Luis Barral insistía aos seus xogadores e xogadoras en que non se confiasen e procuraba que mantivesen a tensión necesaria ata o pitido final. O A.D. Arousa F-7 aumentou a intensidade nos primeiros minutos da segunda metade, ante o cal os futbolistas verdinegros respondían con brega e esforzábanse en alonxar o coiro da portería defendida neste período por Óscar. O gol de Pablo Batalla para os visitantes trouxo o nerviosismo á bancada dos de A Armenteira. Pero a escadra local soubo reaccionar e lanzouse de novo ao ataque. Un gol pantasma de Ainhoa que o colexiado non concedeu fixo emerxer as protestas da afección verdinegra. A tranquilidade definitiva non chegaría ata que de novo Brais Charlín tirou un saque de curruncho que tropezou nun defensor amarelo e acabou no fondo das mallas da formación vilagarciana. Esta vitoria, a primeira nesta fase pero a segunda que acadan os de Luis e Alba Barral nesta temporada, mantén a este equipo na oitava posición, da cal tratarán de saír a próxima fin de semana no partido que os medirá no campo de O Leixo á S.D. Amanecer, lider do grupo e que venceu en todos os partidos que disputou nesta segunda fase.
sábado, 11 de febreiro de 2017
O Armenteira Veteranos estraga nos últimos vinte minutos o bo traballo anterior
O Armenteira Veteranos caiu derrotado por un gol a catro ante o Romai-Viveiros Outón no partido que os mediu no campo de O Leixo na tarde deste sábado. A contundencia do resultado non se corresponde cos argumentos que un e outro conxunto espuxeron sobre a area do terreo de xogo do lugar de O Busto, xa que aínda que os visitantes fixeron quizais máis méritos para levarse os tres puntos, o máis xusto sería que finalizasen cun marcador máis apretado. Os locais presentaron un once inicial con Joserra na portería, Portas, Óscar, Carlos e Jorge Dávila na defensa, Marcial, Jorge Castro, Cacabelos, Rafa e Alfonso na liña medular, e con Galiñanes como único atacante. Dende os primeiros minutos os de Romai mostraron maior contundencia física e un ritmo de xogo superior, pero os verdinegros souberon responder con orde táctica, sen complicarse na liña defensiva e buscando a portería contraria guiados pola calidade de Jorge Castro e recurrindo quizais en exceso ao fútbol directo. Foi precisamente o dianteiro de Vilar o que adiantou aos locais, resolvendo con mestría un balón que recibiu en profundidade. Co resultado a favor o Armenteira Veteranos parecía atoparse cada vez máis cómodo. Pero houbo dúas xogadas que marcaron o rumbo final do encontro e deron ao traste coas súas aspiracións. No último minuto deste primeiro período, tras un saque de falta dos visitantes o coiro escapouse das garras do meta Joserra, e nin sequera os intento de evitar o tanto dun defensor verdinegro foi posible, ao golpear o seu despexe de cabeza baixo na liña de gol no pau longueiro e acabar finalmente no interior das mallas locais. Se este gol resultou psicolóxico tamén o foi unha acción na que Jorge Castro foi agarrado por un defensa cando se encamiñaba cara a portería rival. As reclamacións de penalti dos futbolistas do Armenteira Veteranos non foron atendidas polo colexiado García Pousada, que incluso acabaría amosando cartóns amarelos polas protestas a Manueliño e Cacabelos. As oportunidades de triunfo para os locais comezaron a derrubarse tras esta xogada. Unha combinación dos de Romai era rematada sen demasiada oposición dentro da área por Felipe Lafuente e, xa nos minutos finais, Mikel Baños e Miguel Calvo sentenciaban e colocaban un resultado excesivamente abultado para os méritos de ambas escadras. A sorte e o acerto estiveron neste caso do lado dos visitantes, que tras esta vitoria se sitúa na segunda posición con corenta e catro puntos, os mesmos que o equipo que o segue na clasificación, o Bar Santiaguiño. Pola súa contra o Armenteira Veteranos mantense na décima praza con vintecatro puntos. Os resultados non están acompañando nesta segunda volta da competición ao conxunto que preside José Luis Galiñanes, que ve como a zona media-alta da táboa lle queda cada vez máis lonxe. A próxima fin de semana tratará de remediar esta deriva tan desfavorable na cita que o agarda ante no campo de A Senra-2, en Ribadumia, ante o Sisán Veteranos, sétimo clasificado con trinta e cinco puntos.
O equipo infantil do Armenteira C.F. paga caros os erros ante o Vilalonga F.C.
O equipo infantil do Armenteira C.F. caiu derrotado por catro goles a dous no partido que disputou na mañá deste sábado no campo de O Revel ante o Vilalonga F.C. Foi un encontro no que os rapaces e rapazas que dirixe Valentín Estévez "Tilín" tiveron unha actuación aceptable pero no que pagaron excesivamente caros os erros que cometeron. Ademais o rival é un conxunto á alza que está realizando un treito final de temporada notable e que vai apurar ata o último momento ás opcións de ascenso de categoría. Os goles de Luis Mayán e Iván Abilleira poñían de cara o partido para os celestes cando apenas se levaban minutos disputados. Antes de chegar ao período de lecer o tanto de Mosteiro mantiña aínda con posibilidades ao Armenteira C.F. Pero na segunda metade os locais aproveitaron os desaxustes dos futbolistas verdinegros e lograron perforar a portería defendida por Santi en dúas ocasións máis. O gol anotado por Carlos non foi suficiente para que os de O Leixo cresen nunha remontada que puido ser posible se conseguisen materializar algunha das ocasións das que dispuxeron, e que estiveron unha vez máis ao seu dianteiro Piñeiro coma principal protagonista. Con este resultado a escadra adestrada por "Tilín" mantense na zona media da táboa, á espera da cita da próxima fin de semana no campo de O Leixo ante un dos seus rivais máis directos, a S.D. Pontearnelas.
Cómoda vitoria do equipo alevín do Armenteira C.F. para afianzarse no segundo posto
O equipo alevín do Armenteira C.F. conseguiu unha clara e cómoda vitoria na visita que na mañá deste sábado realizou ao campo Príncipe Felipe para medirse á Integración Deportiva Pontevedra C.F. Este clube pontevedrés con apenas tres temporadas en competición, é xunto coa entidade verdinegra, un dos poucos clubes que non cobran cotas de inscrición, polo que, o partido serviu para poñer en contacto dous conceptos de fútbol sensibles coas economías familiares e que apostan unha eficiencia de recursos que non lles impide competir e dispoñer de medios equiparables aos de calquera outro rival. O cadro que adestran Luis e Alba Barral deixou claro dende o inicio a autoridade que lle atribuía a súa situación na táboa. Con apenas cinco minutos un centro dende a banda dereita de Manu Meixús tras unha boa xogada colectiva era culminado por Sara Rey co abdome para bater a Jonatan Pombo. Catro minutos despois, nunha xogada similar, de novo un centro de Manu Meixús era rematado ao unísono cara o fondo das mallas contrarias por Sara Rey e Íñigo. O festival ofensivo do Armenteira C.F. continuaría a partires de entón e no minuto catorce o conxunto verde e negro xa vencía por cero goles a seis. A relaxación que provocaba esta vantaxe sumiu aos visitantes nuns minutos de zozobra, nos que a escasa fluídez no fútbol de toque que pretendían practicar e o descenso da intensidade defensiva deron a oportunidade aos pontevedreses para anotar tres tantos e facer cundir un relativo nerviosismo entre a afección de A Armenteira. Pero os de Luis Barral volveron a dar un apretón na recta final do partido, na que os goles na portería contraría se sucedían unha e outra vez, demostrando o talento e a capacidade para definir dun conxunto que xornada a xornada quere presentar a súa candidatura a acadar o campionato de liga. Sobre o tapete de céspede artificial de Montecelo os futbolistas verdinegros deixaron detalles de calidade como o gol que anotou Adri co tacón ou o de Manu Meixús de rabona. O resultado final de tres goles a oito, abultado pero anecdótico nunhas categorías de fútbol base nas que o máis importante é a formación e a aprendizaxe global dos nenos e nenas. reflicte ben ás claras o observado no campo Príncipe Felipe. Tres goles de Brais Santamaría, tres de Manu Meixús, dous de Sara Rey, dous de Adri e un de Íñigo compoñen o botín goleador no que, como é lóxico, teñen máis protagonismo os futbolistas que xogan en demarcacións máis próximas á meta rival. Pero, sobre todo, este marcador ven a significar o triunfo dun conxunto no que o colectivo prima por enriba dos nomes e das individualidades. Con esta vitoria o Armenteira C.F. segue na segunda posición, agora con quince puntos, e tratará de asaltar novamente o liderato a próxima fin de semana no partido que o medirá no campo de O Leixo á C.E.D. Cotobade, un equipo que ocupa a décima praza con tres puntos.
mércores, 8 de febreiro de 2017
Entre amigas e preparando a volta á competición
Entre amigas e preparando a volta á competición. Así é como afrontou o parón ligueiro o equipo feminino do Armenteira C.F. Dende o pasado 22 de xaneiro levan sen disputar un partido oficial as rapazas que adestra Marcial Prado. Fora ante a U.D. Santiso e, dende entón, estas xóvenes e entregadas futbolistas non tiveron tregua. Nin o temporal, nin o deficiente estado do terreo de xogo do campo de O Leixo, nin a falta de competición rebaixaron as súas gañas de fútbol. Coa intención de complementar o plan de adestramentos o cadro técnico e a Xunta Directiva organizaron un par de partidos amigables para perder o ritmo ao mesmo tempo que repoñer forzas de cara a unha recta final de temporada que se prevé máis ca esixente. O pasado domingo desprazáronse ao campo de A Lanzada para medirse á S.D. Noalla, un conxunto que nesta campaña non se inscribiu na liga, pero que segue adestrando coa intención de facelo este verán. O resultado final de catro goles a un resulta un tanto enganoso tendo en conta o visto nas instalacións deportivas situada a pé da paradisíaca praia. A gran actuación de Paula Barral, que se viu completada cun gol, foi unha das notas máis salientables do encontro. E continuando con esta preparación, este mércores, as féminas do Armenteira C.F. tomaron rumbo cara o campo de As Chans, na parroquia vilanovesa de Pontearnelas, para medirse ao C. Mamis Arnelas F.C. Este clube, recentemente protagonista do veterano programa televisivo El Día Después, foi fundado en 2012 por un grupo de nais de xogadores da S.D. Pontearnelas que, aproveitando as súas visitas ao campo para levar os seus fillos aos adestramentos, decidiron calzarse as botas e porse pantalón curto. Nesta temporada, as dificultades para dispoñer dun plantel coa suficiente amplitude para afrontar o campionato impediulles anotarse na liga. Pero, ao igual cás futbolistas da S.D. Noalla continúan adestrando coa vista posta no retorno á competición. Nun partido xogado na curiosa modalidade de fútbol-9, no que o Armenteira C.F. se adiantou no marcador e levou o dominio do xogo durante a maior parte do tempo, as locais acabaron vencendo por dous goles a un. Como indica o propio Marcial Prado "neste tipo de partidos o resultado non é o máis importante". Foi ademais unha experiencia que de seguro non esquecerán Sandra, Paula, Noa e Ana Pombo, que tiveron a ocasión de facer o seu debut coa camisola verdinegra, un estreno con gol incluído no caso desta última. Agora apenas queda tempo para repoñer forzas, pois o próximo domingo, no campo de O Pombal, agárdalles un duelo de rivalidade comarcal ante o C. Xuventude Cambados, unha escadra de sobra coñecida polas rapazas do cadro de A Armenteira, xa que será a cuarta vez que se vexan as caras na presente temporada.
domingo, 5 de febreiro de 2017
Vitoria clara pero pouco brillante do equipo alevín do Armenteira C.F. ante a S.D. Chispa
O equipo alevín do Armenteira C.F. conseguiu vencer con claridade á S.D. Chispa no partido que os enfrontou na mañá deste domingo no campo de O Leixo. As secuelas do paso do temporal non impediron que se disputase un encontro nunhas instalacións que continuaron sen suministro eléctrico. O cadro que dirixen Luis e Alba Barral contou coa importante baixa de Fran na zona defensiva e presentou un equipo inicial que tiña coma principal novidade a presenza de Jose Domínguez na portería. O xogador de O Mosteiro tiña a oportunidade de defender por segunda vez esta posición, igual que o fixera a pasada fin de semana no campo de Baltar de Arriba ante o C. Xuventú Sanxenxo. Xa no minuto un Manu Meixús finalizaba unha xogada persoal e poñía por diante ao cadro verdinegro. A superioridade dos locais volveuse poñer de manifesto cando de novo Manu Meixús, un auténtico puñal polo flanco dereito, marcaba o segundo tanto. Coa comodidade que parecía indicar o marcador, o Armenteira C.F. entrou nun estado de relaxación, que unido ao nerviosismo e ás precipitacións coas que xogaron, desluciron unha actuación que puido ser moito máis brillante. As dificultades para rasear o coiro facía que este acabase cada vez con máis frecuencia nos pés dun equipo rival que comezou a achegarse timidamente ás inmediacións da área defendida por Jose Domínguez. Na segunda metade, mantívose a mesma tónica, aínda que o maior poderío físico dos locais non permitía que a S.D. Chispa dese chegado ás mallas que neste período defendeu Sergio Matilde. Só o arreón final da escadra verdinegra serviu para afrontar con comodidade os últimos minutos. Dous tantos de Adri, outro de Manu Meixús e un de Brais Santamaría conformaban o seis a cero co que remataron os cincuenta minutos. Foi un encontro especial para Manu Meixús, un xogador con raíces familiares na parroquia de Corón, e que puido festexar esta cita cun hat trick. Con este triunfo os rapaces e rapazas que adestra Luis Barral mantéñense na segunda praza da táboa con doce puntos, dende a cal tratarán de asaltar novamente o liderato a próxima fin de semana no partido que os medirá á Integración Deportiva Pontevedra C.F., un equipo que se sitúa no undécimo posto con tres puntos.
sábado, 4 de febreiro de 2017
Sen opcións para o Armenteira Veteranos ante o Soho Cambados
O Soho Cambados, líder destacado do grupo 1 da Segunda
Galicia de Veteranos da delegación de Pontevedra, non deu opción ao Armenteira
Veteranos no partido que disputaron na tarde deste sábado no campo de O Pombal.
O conxunto verdinegro, que contaba coas ausencias de xogadores tan importantes
como Marcos, Richi, Javi ou Martín, presentou un once inicial con Joserra na
portería, Jorge Dávila, Carlos, Óscar e Portas en defensa, Alfonso, Rafa,
Cacabelos, Jorge Castro e Marcial na liña de mediocampo, e Manueliño coma único
home en ataque. O plantexamento conservador dos de O Leixo parecía dar
resultados nos minutos iniciais de encontro. A potente escadra local, que
dispón dun amplo plantel que lle permite sacar ata dous equipos durante un
mesmo partido e ten nas súas filas a futbolistas do talento de Rodri, Jorge
Domínguez, Simón ou Eulogio, non se adiantaría no marcador ata o minuto 21,
cando Eulogio transformaba un penalti ante o que nada puido facer Joserra. O
propio Eulogio sería o protagonista do seguinte gol, ao culminar dentro da área
unha xogada iniciada no costado dereito, e tamén o sería no terceiro,
convertindo de novo unha pena máxima. Un zapatazo dende fóra da área de Jorge
Domínguez e unha acción individual na que Simón se desfixo de todos os
xogadores que saíron ao seu paso ata prantarse diante do meta verdinegro e
batilo puxeron o cinco a cero co que chegou ao tempo de lecer. O agagado dos
focos de iluminación do terreo de xogo prolongou máis do debido o período de descanso, pero
esta prolongación non serviu para que o Armenteira Veteranos puidese reponer forzas
e recurtar distancias no marcador. A superioridade dos cambadeses mantívose e
plasmouse en tres novos tantos que acabaron no fondo dunhas mallas que nesta
segunda metade defendeu Portas. O futbolista de Paradela cambiou de demarcación
para dar a oportunidade a Joserra coma xogador de campo. O de Couso, que vén
exercendo con éxito de porteiro do Armenteira Veteranos durante as tres últimas
temporadas, volvía a desempeñar o rol futbolístico dos seus anos de xogador de
fútbol base e afeccionado, dos que moitos aínda o recordan coma aquel rocoso
defensa que luciu as camisolas do Armenteira C.F., do C.D. Ribadumia, do Umia
C.F. ou do Libertad Sporting Club, nunha traxectoria deportiva na que quizais acadou os seus maiores logros no
clube da A Senra, co que chegou a disputar varios encontros na Primeira
Autonómica. A derrota final por oito goles a cero mantén aos de A Armenteira no
décimo posto, con vintecatro puntos. O próximo sábado o cadro que preside José
Luis Galiñanes deberá recibir a outro esixente rival, o Romai-Viveiros Outón,
terceiro clasificado con corenta e un puntos.
Suspendido o Armenteira C.F.- C.D. Portas polo mal estado do terreo de xogo de O Leixo
O deplorable estado no que se atopaba o terreo de xogo do campo de O Leixo obrigou a suspender o partido de categoría infantil correspondente ao grupo 9 entre o Armenteira C.F. e a C.D. Portas. O temporal de choiva e vento que azotou estes días Galicia deixou o terreo de xogo nunhas condicións impracticables. Inmensas pozas de lama, gallas e cáscaras de eucaliptos polo campo e regos que descubrían cachotes de pedra facían que a disputa do encontro fose tarefa case imposible. Con todo, o colexiado Núñez Caamaño, que compareceu nas instalacións deportivas do lugar de O Busto a escasos minutos do inicio, decidiu iniciar o partido ante a sorpresa dos asistentes. A presenza da néboa, que por momentos facía a súa visibilidade, o borrado das liñas e a dificultade para desenvolver o xogo sobre unha superficie cada vez máis enlameada acabou por convencer ao árbitro para decretar a suspensión cando restaba pouco menos de media hora para rematar. Nese momento o resultado era de un gol a cero favorable ao Armenteira C.F., que anotara por mediación de Piñeiro. Corresponde agora aos dous clubes poñerse de acordo e fixar unha data para disputar os minutos restantes dun encontro que a lóxica indicaba que non debía xa terse iniciado e no que novamente os usuarios que día a día van en aumento no campo de O Leixo volveron sufrir as deficiencias dunhas instalacións que precisan unha inminente mellora.
S.C.D. Salcedo e Armenteira C.F. loitan contra os elementos no Príncipe Felipe
Os equipos de categoría alevín da S.C.D. Salcedo e do Armenteira C.F. disputaron un intenso partido na mañá deste sábado no Campo Príncipe Felipe de Pontevedra, na que a protagonista principal foi a forte e incesante choiva. Nas concorridas instalacións deportivas do barrio de Montecelo, nas que os encontros se sucedían hora tras hora, os nenos e nenas que adestran Luis e Alba Barral tiveron que facer fronte non só a un rival que conta con futbolistas de notable talento coma Mateo Piñón e Ángel Moldes senón que se viron obrigaros a loitar contra unhas condicións meteorolóxicas especialmente adversas para as xóvenes promesas da entidade verdinegra, fisicamente inferiores e que se vían incapaces de desprazar un balón que se presentaba excesivamente pesado. O dominio que a escadra local exerceu dende o inicio foi contrarrestado pola enorme loita dos de A Armenteira. As escasas aproximacións dos visitantes foron lideradas por un Brais Charlín que volveu deixar mostras da súa calidade. Unha xogada individual súa, culminada cun potente disparo supuxo o único gol do cadro verdinegro. Pero quizais dentro do gran traballo colectivo do equipo de O Leixo habería que destacar a excepcional actuación baixo os paus de Sara Otero, que mereceu incluso a ovación da afección de Salcedo. O resultado de nove a un co que rematou o partido, unha anécdota máis das que se viviron durante a mañá no centro deportivo que xestiona a Deputación Provincial de Pontevedra. As pingueiras que incluso invadiron os vestiarios non permitiron que estes rapaces e rapazas se sacasen totalmente de enriba unha molladura que agardemos que non traia maiores consecuencias en forma de gripes e catarros. A próxima fin de semana a formación verde e negra debe recibir no campo de O Leixo á A.D. Arousa F-7, un equipo que está situado na metade da táboa con nove puntos.
O temporal deixa sen luz a boa parte de A Armenteira
O temporal que está afectando estes días a Galicia e que tantos estragos causou, especialmente na zona litoral, non se esqueceu de A Armenteira. A pegada destas potentes borrascas é visible na estrada que sube cara o mosteiro cisterciense, sobre todo á altura do lugar de Cabeza de Boi. Postes do tendido eléctrico e teléfonico tumbados, tellados desfeitos e muros derrubados son algúns exemplos do rastro que deixou o seu paso. Con todo, os estragos non se quedaron aí. Dende a noite do venres, nos lugares situados ao norte da parroquia, unha avaría no cableado que cruza a ladeira norte do Monte do Castrove procedente do Concello de Poio, mantén na penumbra a esta parte de A Armenteira. Trátase dunha liña historicamente moi problemática a nivel de incidencias, dada ampla masa forestal pola que transita. En San Amedio, Vilar, Caroi, A Vacariza, Cuchín, Valboa ou O Busto os veciños e veciñas levan máis de 24 horas sufrindo as consecuencias da ausencia deste ben tan básico nos tempos nos que vivimos. Os contratempos que está provocando fai que o malestar vaia en aumento e que estean pensando en presentar reclamacións ante os prexuízos causados. Na maioría das casas dispoñen de conxeladores no que gardan a carne da matanza que, de seguir así, acabará apodrecendo. Pero se nos domicilios particulares son graves os danos, máis o son nos locais públicos e nos establecementos comerciais. Na igrexa do mosteiro tiveron que realizar os oficios relixiosos sen megafonía e a escuras. No campo de O Leixo, os futbolistas, mollados e enlameados despois do partido, non puideron darse unha ducha ao non haber auga quente. Nos locais de hostalería situados a carón do mosteiro a falta de suministro eléctrico impediu que puidesen traballar nuns días, como son os da fin de semana, nos que se converten nuns dos principais focos de atracción de visitantes da comarca de O Salnés.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)