Buscar neste blog

domingo, 19 de febreiro de 2017

Remontada do equipo infantil do Armenteira C.F. nunha intensa segunda metade

O equipo infantil do Armenteira C.F. conseguiu unha importante vitoria por tres goles a un no partido que disputou na mañá deste domingo no campo de O Leixo ante a S.D. Pontearnelas. O cadro que dirixe Valentín Estévez "Tilín" presentouse coa baixa de última hora de Kevin e cun once inicial formado por Sergio baixo paus, Migui, Xoán, Sebas e Santi en defensa, Jose Otero polo costado dereito, Álex Ruel e Carlos na zona de creación, Andrés Liu no costado esquerdo, Hugo na mediapunta e Mosteiro como xogador máis adiantado. Tras uns minutos de tanteo Mosteiro dispuxo da primeira ocasión clara do encontro pero, a partires de entón, a S.D. Pontearnelas comezou a aproximarse cada vez con maior frecuencia á meta verdinegra. Os vilanoveses aproveitaban a debilidade defensiva dos locais para lanzar balón ás costas dunha defensa que se vía en moitas dificultades para interceptalos. A acertada actuación do meta Sergio e a rapidez no corte de Migui impediron que o seu equipo se fose en desvantaxe ao descanso. Na continuación, a entrada de Piñeiro, que desta volta tivo que agardar a súa oportunidade dende o banco de suplentes, supuxo un cambio decisivo no rumbo do partido. Con todo,  cando o dianteiro de Vilariño levaba apenas dous minutos no terreo de xogo e antes de que a reacción fose posible, a S.D. Pontearnelas volveu a poñer en evidencia a debilidade defensiva dos de O Leixo e enviou un lanzamento en profundidade que Pablo Vázquez recibiu para bater a Sergio. Non tardou moito en respostar o Armenteira C.F. e foi precisamente Piñeiro gañando no corpo a corpo aos defensas vermellos e definindo con calidade ante o meta Adrián Muñiz. Pouco despois, Jose Otero culminaba un contragolpe e colocaba por diante ao seu conxunto. O vento parecía soplar a favor para os de "Tilín" e así se confirmou cando, tras varios nunha acción no coiro tropezaba unha e outra vez cos zagueiros de Pontearnelas, Santi acertou a introducilo no interior das mallas. A expulsión de Álex Ruel despois de discutirlle unha decisión do colexiado Lameiro Sánchez, pouco afortunado na súa actuación deste domingo, non trouxo maiores quebrantos para un Armenteira C.F. que soubo resistir e incluso manter o control da situación en inferioridade numérica durante a recta final do partido. Este triunfo coloca ao cadro verdinegro na novena posición con vinteséis puntos, cifra que poderán aumentar na reanudación do encontro suspendido o pasado 4 de febreiro ante a C.D. Portas por mor do mal tempo e o deficiente estado do terreo de xogo de O Leixo, e que terá lugar o próximo sábado a partires das 12 horas.


Ningún comentario:

Publicar un comentario