Buscar neste blog

sábado, 25 de febreiro de 2017

Chan da Fonte inicia a corta libre de acacias

Este sábado, coma moitos outros do ano, sobre todo naqueles con menor risco de incendios forestais, foi unha xornada na que os veciños e veciñas de A Armenteira cargaron os seus tractores e, dotados de motoserras, se dirixiron aos montes na procura de leña coa que quentar os seus fogares ou coa que alimentar o lume das súas cociñas. Pero houbo unhas persoas para as que este sábado foi especial, e non son outras que os comuneiros e comuneiras da C.M.V.C. Chan da Fonte que, tal como acordaron na última Asemblea Xeral Ordinaria, dispuxeron hoxe dunha xornada de corta libre de acacias. Esta árbore, orixinaria de Australia e considerada unha especie invasora, extendeuse por amplas zonas da superficie forestal de Galicia, desprazando a outras especies autóctonas, co que se convertiu nun serio perigo para o equilibrio ecolóxico. Por este motivo, os comuneiros de Chan da Fonte respaldaron de forma maioritaria esta proposta da xunta rectora, que estableceu este sábado, así como o martes 28 de febreiro, o sábado 5 de marzo e o martes 7 deste mesmo mes como días de corta libre, que poderían prolongarse no caso de que aínda quede madeira sen recoller. Deste xeito, os membros da entidade que reúne aos veciños dos lugares de Vilar, Caroi, Valboa e O Busto terán a oportunidade de proverse deste recurso tan necesario nos fogares ao tempo que colaboran na limpeza do monte e na erradicación desta especie dos terreos da súa propiedade.


Ningún comentario:

Publicar un comentario