Coma en moitos outros lugares de Galicia o Entroido de A Armenteira tamén ten a súa tradición. Non é tan singular nin tan recoñecido como poden ser os cigarróns de Verín, as pantallas de Xinzo de Limia, os peliqueiros de Laza, os felos de Manzaneda, o boteiro de Viana do Bolo, todos eles na provincia de Ourense, ou como outros máis próximos como os Xenerais do Ulla ou as damas e galáns de Cobres, no concello de Vilaboa. Pero esta festa tan popular ten unha profunda raigame na nosa parroquia, que se remonta a varios séculos atrás e que aínda pervive na memoria das xentes. Lonxe das festas con coloridos e máis ou menos elaborados disfraces de hoxe en día, a tradición do noso Entroido relaciónase principalmente cuns curiosos personaxes, que non eran outros que os choqueiros. Estas figuras, que ao parecer debían o seu nome a unhas campaíñas metálicas, chamadas chocas, as cales penduraban dos seus cintos, caracterizábanse por ataviarse con improvisadas e estrafalarias vestimentas, procedentes dos modestos roupeiros da época. O seu principal obxectivo era non ser recoñecibles e, por este motivo, ocultaban de forma coidadosa o rostro baixo máscaras, panos ou pinturas. Deste xeito, os choqueiros e choqueiras recorrían as distintas aldeas da parroquia, habitualmente en grupos, e moitas veces acompañados de algún apeiro de labranza. Cada fogar era parada obrigada, e alí se detiñan para pasar un exhaustivo recoñecemento por parte dos membros da familia que saían a recibilos e se esforzaban descubrir a identidade de tan extrafalarios seres. Despois duns minutos de interrogatorio, ao que respondían cuns breves balbuceos, a despedida soía ir acompañada dunha recolleita de moedas que, de forma máis ou menos xenerosa, as xentes depositaban na sinxela ucha, un prato ou unha taza na maior parte dos casos, que levaban con eles.
Xa en tempos máis recentes de seguro que haberá quen recorde aquel acto tan peculiar que servía para pechar o Entroido en A Armenteira. Estámonos a referir ao enterro de gato. Durante varios anos, e con Digna Villanueva á fronte, un grupo de persoas organizaba unha procesión que recorría os camiños de entorno do mosteiro cisterciense para, entre choros e lamentos, despedir cunha fogueira a aquel entrañable felino. Van máis de vinte anos dende que este evento se deixou de celebrar, pero son moitas as persoas da parroquia as que añoran festexos deste tipo nunha época como a que vivimos na que o Entroido segue máis vivo ca nunca e na que recuperan tradicións ou se crean outras novas, alentadas dende concellos, centros educativos ou asociacións de todo tipo. Por elo, o rexurdimento do Entroido de A Armenteira sería unha maneira de revivir na memoria das xentes un tempo e unhas costumes que as novas xeracións deberían coñecer e de poñer en valor os rasgos que nos identifican, non moi distintos dos doutros lugares de Galicia, pero van unidos a unha terra e a unhas xentes que habitaban nun lugar tan máxico e lexendario que facía, e segue facendo, que os seus modos de vivir e sentir sexan especiais. Así os modernos e coloridos disfraces de pirata, vampiro ou princesa poderían convivir cos añorados choqueiros. E esta volta, ou máis ben reinterpretación do pasado, debería contar necesariamente co sabor das filloas, das orellas e doutros doces típicos desta época, que ano a ano gañan presenza nas mesas dos fogares e dos establecementos de hostalería, e que son o mellor exemplo do bon comer e da riqueza gastronómica que conserva unha parroquia que vive no presente pero non quere perder de vista a memoria dun tempo que quedou atrás e sen o cal non poderiamos entender o que hoxe somos.
.
Ningún comentario:
Publicar un comentario