Buscar neste blog

sábado, 18 de febreiro de 2017

Os comuneiros respaldan de forma maioritaria os novos proxectos da xunta rectora de Chan da Fonte

A Asamblea Ordinaria que a Comunidade de Montes Veciñais de Man Común Chan da Fonte celebrou este sábado nos locais da Casa de Cultura de A Armenteira discurriu de forma plácida para a xunta rectora que preside Serafín Melón. A polémica á que se pretendeu incitar nos últimos días a través das redes sociais non tivo apenas repercusión na xuntanza e os comuneiros e comuneiras foron aprobando unha a unha e de forma unánime as propostas que lles ían presentando. A limpeza do monte e a posterior repoboación cunha plantación de eucaliptos foi quizais o proxecto estrela que o goberno da entidade presentou aos asistentes. Ademais disto, propúxose que os comuneiros poidan dispoñer para a súa corta dunha área ocupada por acacias, unha especie invasora que consideran que é preciso erradicar, e que permitirá que as familias poidan proverse de leña para os seus fogares ao tempo que colaboran na tarefa de limpar a superficie forestal. No medio do ambiente sosegado que se respirou na Asemblea, e que se viu completado polos pinchos de rigor, tamén se trataron temas coma a venda de madeira que a Comunidade está realizando nas últimas semanas a unha empresa madeireira do Concello. Estes ingresos, tan necesarios para a Comunidade, servirán para financiar os proxectos, así como poñer en marcha ideas como a de crear unha área recreativa no entorno do campo de fútbol de O Leixo, unhas instalacións situadas dentro das máis de 500 hectáreas de terreo que posúe a entidade comunal, e que xunto ao centro CAAN, a canceiro promovida pola Deputación de Pontevedra e que da servizo a cincuenta concellos da provincia, representan dúas das propiedades máis emblemáticas de Chan da Fonte.


Ningún comentario:

Publicar un comentario