Buscar neste blog

sábado, 25 de febreiro de 2017

O equipo infantil do Armenteira C.F. refrenda a vitoria fronte á C.D. Portas

O equipo infantil conseguiu vencer por dous goles a cero na continuación do partido coa C.D. Portas que fora suspendido polo colexiado Núñez Caamaño o pasado 4 de febreiro debido ao mal tempo e ás deficientes condicións nas que se atopaba o terreo de xogo de O Leixo. Superados os efectos que aquela potente borrasca deixou en boa parte de Galicia, o encontro reanudouse no minuto 6 da segunda metade e no mesmo lugar no se detivera o balón. Con todo, os minutos previos ao inicio non estiveron exentos de polémica. A información errónea que este mesmo colexiado dera aos representantes do Armenteira C.F. a pasada fin de semana cando acudiu a O Leixo para dirixir os partidos dos equipos alevín e benxamín provocou unha severa confusión e case trastoca os plans do técnico local. Núñez Caamaño indicara que os equipos debían respectar as convocatorias e os onces iniciais da parte do partido disputada, versión que mudou cando chegou ao campo a escasos minutos da hora fixada para a reanudación. Isto fixo que o conxunto verdinegro mobilizase a última hora a Sebas para que figurase entre os convocados. Non puido ser o caso de Álex Ruel, o cal, tras consultar ás autoridades federativas, non puido ser alineado ao ter que cumprir a sanción que conleva a expulsión por cartón vermello directo do partido da pasada xornada ante a S.D. Pontearnelas. O adestrador local, Valentín Estévez "Tilín" dispuxo un equipo titular formado por Sergio na portería, Migui, Xoán, Santi e Andrei en defensa, Andrés Liu, Carlos, Jose Otero e Mosteiro na liña de medios, Hugo na mediapunta e Piñeiro en ataque. O encontro tivo pouca historia. O claro dominio do Armenteira C.F. fixo que o coiro permanecese practicamente en todo momento no terreo de xogo defendido polos de  Portas, e foron varios os avisos do Armenteira C.F. antes de que Jose Otero lograse o único tanto que se viu na mañá deste sábado en O Leixo. Piñeiro en varias ocasións e Mosteiro e Hugo en algunha outra non tiveron fortuna, pero si a tuvo o centrocampista cambadés. Foi nunha certeira cabezada a un saque de córner que puxo xustiza a un marcador que se quedou curto vistos os méritos que ámbolos dous conxuntos mostraron sobre a terra do campo do lugar de O Busto. De feito, as intervencións de Sergio reducíronse a unha acertada saída de xeonllos para deter un lanzamento forzado dun dianteiro visitante e a un par de cortes co pé un cantos metros máis adiante da súa área. Este vitoria mantén á escadra verde e negra na novena posición, agora con vintenove puntos, da que aspira a saír na cita que terá a próxima fin de semana no campo de Berdón ante o C. Vilagarcía "B", décimo terceiro clasificado con quince puntos.


Ningún comentario:

Publicar un comentario