O equipo feminino do Armenteira C.F. pouco puido facer ante o C.D. Conxo no partido que disputou na mañá deste domingo no campo de O Leixo. As ausencias e as numerosas lesións que levan afectando ás xogadoras que adestra Marcial Prado deixaron ao conxunto tremendamente mermado e sen apenas efectivos para afrontar unha cita xa de por si máis que compricada. O cadro técnico local presentou un equipo inicial con Uxía na portería, Laura, Alessandra, Diana e Jessica na liña defensiva, Raquel, Naomi e Ana Martínez no mediocampo, Ana Abal e Paula nos costados e Ángeles na punta de ataque. A enorme calidade do conxunto rival púxose de manifesto dentro o inicio. O bo trato do balón, a fluídez no xogo, os desmarques e os detalles técnicos das xóvenes xogadoras do populoso barrio de Santiago de Compostela foron un obstáculo insalvable para as debilitadas futbolistas locais. No minuto 7 Carmen Trigo adiantaba ao seu conxunto e a partires de entón chegarían ata oito tantos máis ata completar o marcador final de cero goles a oito. No medio de todo isto ocorreron as lesións de Jessica, que a obrigou a retirarse do terreo de xogo primeiro durante uns minutos, e logo, tras pasar polo posto de porteira, de forma definitiva; a de Uxía, que despois de ter que abandonar o terreo de xogo volveu como xogadora de campo, e a de Ángeles, á que os seus pertinentes problemas de xeonllo impediron continuar como futbolista de campo e tivo que rematar o partido exercendo de gardamallas, unha demarcación que non lle resultaba nova e na realizou varias intervencións de mérito. Con tantas vicisitudes e tras o enorme desgaste físico que supuxo este partido para as xogadoras que defenderon a camisola do Armenteira C.F. nunhas circuntancias tan pouco favorables o descanso da próxima xornada resulta moi necesario. Este breve parón na competición permitirá que a escadra verdinegra poida recuperarse fisicamente e preparar o difícil final de temporada que lle agarda, e que terá a próxima cita o domingo 5 de marzo no duelo de rivalidade comarcal ante a S.D. Pontearnelas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario