Un gol de Javier Martínez "Chicho" serviu para sentenciar o encontro que na tarde deste sábado disputaron no campo de O Leixo o Armenteira Veteranos e o conxunto cangués do Pumas-Café Latino. O tanto do xogador de Valboa, que poñía o tres a un no marcador, deu a tranquilidade necesaria a un equipo verdinegro que pasou por máis apuros dos que debía tendo en conta como se desenvolveron os noventa minutos. O cadro de O Leixo levou o dominio do xogo dende o inicio, e dispuxo de numerosas ocasións para lograr un triunfo moito máis claro, que o desacerto dos atacantes locais e a gran actuación do meta do Pumas-Café Latino impediron. O tanto inicial dos de Cangas de O Morrazo foi rapidamente respondido por Jorge Castro coa calidade na definición que o soe caracterizar. Xa cando a primeira metade estaba a piques de chegar á súa fin, Alfonso, un dos futbolistas máis activos en ataque dos verdinegros, poñía ao seu equipo por diante. Na segunda metade o partido seguiu coa mesma tónica ata que o referido gol de Chicho puxo a sentenza e permitiu respirar con maior tranquilidade ao Armenteira Veteranos no cuarto de hora final. Con esta vitoria o equipo de O Leixo sitúase na oitava posición con cincuenta puntos, un menos có seu rival deste sábado. A expulsión da competición do Samieira C.F. Veteranos provocou que a organización da competición decidise retirar os puntos logrados polos demais conxuntos nos seus enfrontamentos cos de Poio. No caso do Armenteira Veteranos, que vencera ao Samieira C.F. Veteranos nos dous partidos que disputaron esta temporada, fóronlle restados seis puntos. Na próxima fin de semana o cadro verde e negro deberá visitar o feudo do Viajes Inter-Rías Villalonga, no que será outro duelo cun rival directo da zona media-alta da táboa, xa que este conxunto está situado un posto por debaixo dos de A Armenteira e leva sumado un punto menos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario