Buscar neste blog

martes, 12 de abril de 2016

O equipo cadete do Armenteira C.F. bota a andar na Copa Deputación

O equipo cadete do Armenteira C.F. inicia este mércores a partires das 20 horas, no campo de O Leixo, a súa participación na Copa Deputación. O rival que lle correspondeu en sorte é a S.D. Chispa, un conxunto que tamén compite na Segunda Autonómica Cadete, no grupo 8, no que ocupa a décima posición con vintedous puntos, nove menos que a formación que adestra Marcial Prado. Nos partidos que os mediron na presente temporada houbo cara e cruz para os verdinegros. Mentres que no encontro da primeira volta, disputado no campo de Monte Redondo, en Corón, a S.D. Chispa venceu por dous goles a un, no encontro da segunda volta, disputado fai pouco máis dun mes, o Armenteira C.F. impúxose por oito goles a tres, no que fora un festival ofensivo do conxunto de O Leixo, personalizado nas figuras de Alberto e Matías, con catro e tres goles respectivamente. Para a cita deste mércores o técnico de San Salvador agarda poder contar con todos os seus efectivos, incluído o xogador do equipo infantil Jose Otero, habitual xa nas convocatorias do cadro cadete. O equipo que resulte vencedor neste encontro terá que enfrontarse na seguinte rolda ao vencedor da eliminatoria que disputarán a próxima semana o C.D. Bamio e a E.D. Arousa S.D.


Ningún comentario:

Publicar un comentario