Buscar neste blog

domingo, 24 de abril de 2016

A Copa Deputación finaliza para o equipo alevín mentres a liga continúa para o resto de equipos do Armenteira C.F.

A xornada desta fin de semana trouxo consigo a fin da aventura na Copa Deputación de Pontevedra para o equipo alevín do Armenteira C.F., que rematou tamén a súa participación na liga a pasada fin de semana, mentres que os restantes equipos continúan nesta competición, da que veñen de disputar a vixésimo sétima xornada.

O equipo benxamín, o primeiro en dar comezo a xornada dos conxuntos de fútbol base do Armenteira C.F. recibiu na mañá deste domingo a visita da E.F.B. Vilanova. O cadro dirixido por Valentín Estévez e José Ramón Dacosta segue coa súa lenta progresión e deu unha imaxe máis que aceptable ante os vilanoveses. A orde táctica e xogo combinativo dende a parte defensiva foron dous dos aspectos máis positivos que mostrou sobre a terra de O Leixo a formación verde e negra. A elo hai que unir o debut de Sergio Matilde baixo os paus  e a notable actuación do defensa Andrés Fernández, a tono co bo nivel do conxunto. O resultado final de cero goles a dez volve a ser, coma soe ser habitual, unha mera anécdota. A próxima fin de semana os rapaces e rapazas que comanda Valentín Estévez deben rendir visita a outro duro opoñente, a U.S.D. de O Grove, que ocupa a sétima praza con cincuenta e catro puntos.

O equipo alevín visita este sábado o campo Municipal de Forcarei para disputar a segunda eliminatoria da Copa Deputación de Pontevedra. Os aproximadamente 70 quilómetros que separan A Armenteira e a localidade da Terra de Montes e a hora de camiño eran dúas das principais preocupacións de Jonathan Crespo, que temía que o cansanzo do desprazamento puidese afectar aos seus xogadores. Quizais o cansanzo, quizais o estado do terreo de xogo do Municipal de Forcarei, cunha superficie de area totalmente irregular e nada propicia para a práctica do fútbol, que nada ten que envexar a calquera das praias do noso litoral, ou quizais tamén a importante baixa de última hora do central Xoán, foron causas determinantes para que o conxunto alevín non dese a imaxe que os seus seguidores e seguidoras están acostumados a presenciar. Dende o inicio o rival, a E.F.B. Terra de Montes mostrou moita máis intensidade e soubo impoñer a súa maior forza física e a súa adaptación ás difíciles condicións do terreo de xogo. O gol inicial dos locais tivo axiña a réplica por parte de Adri, cun gran lanzamento de falta. Coa igualada no marcador o partido parecía caír do lado do Armenteira C.F., que intentaba facer circular o balón e gañar a liña de fondo coa velocidade polos costados de Manu Meixús e Mosteiro. Pero a clara superioridade da E.F.B. Terra de Montes na pugna polos balóns divididos decantou e resolveu o encontro ao seu favor. En apenas cinco minutos os amarelos marcaron tres goles consecutivos, marchándose ao descanso cun resultado de catro goles a un. As ansias de remontar coas que saíron os visitantes na segunda metade foron sofocadas cun novo tanto da E.F.B. Terra de Montes, que aproveitou as dúbidas dos de A Armenteira á hora de despexar un balón na súa área. De nada serviron o tanto de Hugo despois dun golpe franco e o de Mosteiro cun lanzamento dende longa distancia. A remontada fíxose imposible ante un rival moito máis esgotado fisicamente. O cinco a tres co que rematou o encontro supón a fin da aventura do equipo alevín do Armenteira C.F. nunha Copa Deputación na que viña de superar na primeira eliminatoria á A.D. Arousa F-7, e na que que tanto os xogadores e xogadoras, como o corpo técnico e os numerosos afeccionados e afeccionados que os acompañan tiñan esperanzas de chegar lonxe. O Atlético Cuntis será o rival da E.F.B. Terra de Montes na seguinte rolda, na que a irregular superficie do terreo de xogo do Municipal de Forcarei volverá a ser o escenario dunha nova eliminatoria.

O equipo cadete tiña unha dura cita no campo de Monte Redondo, en Corón. O rival, a E.D. Arousa "B", é un dos conxuntos máis en forma do grupo e está en clara progresión de cara a acadar unha das dúas primeiras prazas, que dan dereito ao ascenso directo á Primeira Categoría Cadete. Os xogadores que dirixen Marcial Prado e Víctor Saborido saíron ao campo coa intención de manter a orde táctica e de aproveitar os ocos que podía deixar a defensa rival para lanzar contragolpes a un rival que dende o inicio se fixo o dono absoluto da posesión do balón. O tanto da E.D. Arousa S.D. "B" pareceu non poñer nerviosos aos de A Armenteira, que tiveron a oportunidade de igualar o encontro nun barullo na área que o dianteiro Alberto non conseguiu resolver, nun potente lanzamento de falta do central Carlos ou nunha carreira de Villa que definiu con pouca fortuna ante o meta arousán. Na segunda metade o cadro local fíxose máis claramente dominador do xogo ante un Armenteira C,F. que trataba de alonxar, con grandes esforzos, o perigo unha e outra vez creaban os locais arredor da meta defendida por Yago. E ese dominio acabouse plasmando con tres goles máis do equipo de Vilagarcía, que conformarían o catro a cero co que se chegou aos noventa minutos. A pesares desta derrota o equipo cadete do Armenteira C.F. mantense na sètima praza e aínda ten opción de seguir escalando na clasificación. Para elo deberá vencer a próxima fin de semana ao C.D. Bamio, que ocupa o último posto na táboa con só un punto.

Finalmente o equipo infantil tiña no campo de Baltar de Arriba un compricado compromiso ante o Portonovo S.D. "B". As numerosas baixas que está sufrindo nesta fin de temporada ao conxunto que adestran Jonathan Crespo e Martín Casais están debilitando aínda máis a unha formación con múltiples carencias. O cadro técnico viuse na obriga de recurrir ao equipo de categoría alevín para completar a convocatoria de trece xogadores coa que se presentou en Portonovo. Con todo os xogadores que defenderon a camisola verdinegra na mañá do domingo fixérono con relativa dignidade e trataron de manter a orde defensiva e de contragolpear ao ritmo que marcaba a potencia en ataque de Piñeiro. A evidente superioridade dos locais, que a base de toques foron impoñendo a diferenza que os separa dos verdinegros, acabou sendo reflectida no marcador final co resultado de nove goles a cero. De novo a destacada actuación do xogador de categoría alevín Mosteiro foi unha das notas máis significativas dun encontro no que o porteiro Santi tivo que ser substituído a causa da dor na man dereita, dando a oportunidade de exercer de improvisado gardamallas ao central Álex Ruel. A próxima fin de semana será intensa para o equipo infantil do Armenteira C.F., que na tarde do venres terá que volver ao campo de Baltar de Arriba para disputar o encontro que fora aprazado ante o C. Xuventú Sanxenxo, undécimo clasificado con vinteoito puntos, e o domingo recibirá no campo de O Pombal a visita do Unión Dena C.F., terceiro clasificado con cincuenta e oito puntos.













Ningún comentario:

Publicar un comentario