O Armenteira Veteranos logrou este sábado, no campo de O Leixo, un cómodo triunfo ante o Samieira C.F. Veteranos. O que puido ser unha vitoria de escándalo, que debilidade e a inferioridade numérica coa que se presentaron os visitantes parecían anunciar, acabou cun marcador de catro a cero. Os tantos de Manueliño por partida dobre, de Marcial e Javi contribuíron a sumar tres novos puntos para o cadro verdinegro nun partido que se pode considerar un monólogo do Armenteira Veteranos, ao que o equipo de Poio se viu obrigado a ceder a posesión da pelota dende o pitido inicial. Só a falta de puntería e a baixo nivel de intensidade no xogo que se foi apoderando dos xogadores locais impediron que a goleada fose maior. Catro balóns estrelados no pau longueiro e innumerables centros á área dun incombustible Marcial que non atopaban rematador son clara mostra do guión que seguiu o encontro. Unha das anécdotas máis chamativas do partido foi a presenza do central Portas na meta. A baixa do gardamallas Joserra deu a oportunidade baixo os paus ao de Paradela, que apenas tivo que lucirse no seu debut na portería. A súa acertada intervención ao deter en dous tempos os lanzamentos dos atacantes nunha das escasas chegadas dos visitantes foi un dos aspectos máis relevantes da súa actuación, que puido ser coroada aínda máis de materializar o penalti que, por aclamación dos seus compañeiros, se viu obrigado a tirar. Este novo triunfo mantén ao equipo verde e negro na zona noble da táboa, situación que buscará consolidar na próxima fin de semana coa visita ao campo de As Corticeiras, en Caldas de Reis, onde debe medirse ao líder destacado do grupo, o Terras do Umia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario