Buscar neste blog

sábado, 9 de abril de 2016

A candidatura alternativa faise co goberno da Comunidade de Montes Chan da Fonte

Os comuneiros da Comunidade de Montes de Man Común Chan da Fonte decidiron nas eleccións celebradas este sábado dar o seu apoio, de forma amplamente maiotaria, á candidatura encabezada por Serafín Melón, denominada a sí mesma como a "candidatura polo cambio". Cunha elevada participación, xa que acudiron 99 dos 108 comuneiros chamados ás urnas, un 91% do censo, a listaxe que se presentaba como alternativa de goberno logrou o 66% dos votos, 61 papeletas fronte ás 36 que conseguiu a candidatura que tiña a Gonzalo Otero como cabeza de cartel. A pesares da tensión que caracterizou os días previos a estas votacións, a xornada desenvolveuse con absoluta normalidade, sen que chegara a producirse ningún incidente digno de reseñar nas tres horas nas que a urna estivo a disposición dos electores. Unicamente, segundo resaltan os compoñentes da candidatura gañadora. houbo un pequeno enfrontamento dialéctico nos exteriores da mesa electoral momentos despois do peche da urna, no cal algunha das persoas ás que se aludía nuns panfletos anónimos repartidos pola parroquia nos días anteriores a estes comicios reprochou aos representantes da candidatura de Gonzalo Otero as descalificacións e os ataques insidiosos que aparecerían nos mesmos.

Este triunfo suporá un cambio significativo no rumbo da entidade, dado o carácter continuísta das xuntas rectoras que a gobernaron durante os últimos vinte anos. Gonzalo Otero, secretario da xunta rectora presidida polo anterior presidente, o recentemente falecido Antonino Martínez, representaba unha candidatura continuísta da política das dúas últimas décadas, nas que Julio Serén e o mencionado Antonino Martínez dirixiron a Comunidade. Con este cambio, a nova xunta rectora, na que chama a atención a xuventude de boa parte dos seus membros, deberá acometer a necesaria reforma duns estatutos que coinciden en sinalar como claramente obsoletos e deberá levar a cabo unha contención dos gastos correntes, que se conventiran nun dos principais puntos de discusión nas últimas xuntanzas dos comuneiros e comuneiras. Ademais, segundo eles mesmos afirman, tratarán de sacar o máximo aproveitamento das infraestruturas das que dispoñen, tratando de melloralas se é posible, e intentarán crear un clima de colaboración coas distintas entidades locais. As máis de 500 hectáreas de terreo, entre as que se inclúen instalacións tan representativas como o campo de fútbol de O Leixo ou centro CAAN, a canceira creada pola Deputación de Pontevedra, estarán durante os próximos catro anos baixo a batuta do grupo que comandarán Serafín Melón, na presidencia, e José Manuel Ucha, na vicepresidencia, e no tamén figuran nomes como os de Alfonso Serén, José Manuel Prado, Eva García, Javier Martínez "Chicho", Rubén Serén ou Martín Casais. Unha das súas primeiras actuacións debe ir dirixida a acabar co ambiente de crispación que caracterizou á entidade nos últimos tempos e, para elo, deben apelar ao diálogo e ao consenso que aseguren o entendemento entre os veciños e veciñas dos lugares de Vilar, Valboa e O Busto que contan con representación nesta Comunidade.


2 comentarios:

  1. Estoy muy contenta de los resultados....se que no es a gusto de todos,pero un cambio es necesario! Me siento orgullosa de los vecinos y de la gran participación en las urnas.

    ResponderEliminar
  2. Estoy muy contenta de los resultados....se que no es a gusto de todos,pero un cambio es necesario! Me siento orgullosa de los vecinos y de la gran participación en las urnas.

    ResponderEliminar