Buscar neste blog

domingo, 17 de abril de 2016

Fin de liga para o equipo alevín nunha xornada na que a vitoria se resistiu aos equipos do Armenteira C.F.

A xornada desta fin de semana, a vixésimo sexta no que vai de liga, non foi moi afortunada en canto a resultados para os tres equipos de fútbol base do Armenteira C.F. que disputaron partido de liga. A dificultade dos seus correspondentes rivais, fixo que nin o equipo infantil, nin o alevín e tampouco o benxamín puidesen sumar novos puntos ao seu casilleiro.

O primeiro equipo en disputar o seu partido, o equipo infantil, partiu con moitos contratempos no encontro que o mediu ao Céltiga F.C o sábado no campo de O Pombal, en Cambados. As numerosas baixas que presentou o conxunto que dirixiu Jonathan Crespo lastraron aínda máis a un cadro que xa de por sí se ven mostrando moi debilitado durante esta temporada. A presenza de só dez xogadores do plantel de categoría infantil fixo necesaria a convocatoria a última hora do porteiro Sergio Casal, así como dos tamén xogadores alevíns Mosteiro, Xoán e Íñigo. Tras uns primeiros intres de tanteo o Céltiga F.C., consciente da súa superioridade, foi impoñendo pouco a pouco o súa maior capacidade competitiva. O gol anotado por Falcao, que volvía a vestir a elástica verde e negra dous meses despois, co que se puxo o un a dous no marcador, parecía poñer algo de emoción ao partido, Pero axiña os de A Illa comezaron a marcar distancias e, co paso dos minutos, foron acabando con calquera posible suspense, ata configuar o resultado de un a once co que se chegou ao minuto noventa. A aceptable actuación do alevín Mosteiro, así como a aportación de Falcao na punta de ataque, que puido lograr anotar algún tanto máis, foron dous dos aspectos positivos dun conxunto ao que lle restan aínda nove xornadas para rematar a liga. Na próxima xornada, o equipo infantil debe rendir visita ao Portonovo S.D. "B", un equipo que ocupa a quinta posición con corenta e seis puntos.

O equipo benxamín tiña esta fin de semana cita no campo de A Rapeira. Foi na mañá do sábado ante a C.D. Portas, un dos conxuntos con maior potencial do grupo. Os rapaces e rapazas que dirixen Valentín Estévez e José Ramón Dacosta pouco puideron facer ante a superioridade do rival. Lastrados ademais polas baixas de última hora trataron de ofrecer resistencia ante as continuos achegamentos dos granates á meta defendida por Sara Otero. O resultado de dezaséis a cero co que rematou o encontro ven a ser outra anécdota máis no proceso de formación que se está a levar a cabo con esta xeración de xóvenes futbolistas. Na próxima fin de semana o equipo benxamín recibira a visita, no campo de O Leixo, da E.F.B. Vilanova, outra potente escadra que ocupa a undécima posición con trinta e dous puntos.

Finalmente, o equipo alevín disputaba na mañá do domingo no campo de Baltar-Fútbol-7 o que era o seu último partido dunha temporada na que rendiu a alto nivel. Como rival tiña ao Portonovo S.D., líder destacado, que logrou proclamarse campión de liga semanas atrás, e que se presentaba como unha durísima proba para os rapaces e rapazas que adestra Jonathan Crespo. Os resultados dos conxuntos cos que os de O Leixo competían por ocupar unha das seis primeiras posicións, que dan acceso a disputar unha promoción de ascenso cos equipos do grupo 61, foron favorables para o Armenteira C.F., polo que puideron tomarse con relativa tranquilidade o partido ante o Portonovo S.D. Tras o paseíño inicial ao xusto e moi digno campión de liga os de Jonathan Crespo plantáronse no terreo de xogo cunha orde e un nivel de intensidade que sorprendeu aos locais. O sistema de tres defensas, tres centrocampistas e un dianteiro que plantexou o técnico de Valga deu maior seguridade e maior solvencia defensiva, pero non restou potencial en ataque aos verdinegros. O gol de Mosteiro aos dous minutos, aproveitando un rexeitamento de meta local, puxo en vantaxe ao equipo de O Leixo, que aínda gozou dalgunhas ocasións máis nos pés de Manu Meixús, Zubo ou do propio Mosteiro. Non foi ata o minuto 15 cando os de Portonovo conseguiron a igualada cun disparo dende o borde da área. Cinco minutos despois e dun xeito parecido, os locais conseguían darlle a volta ao marcador. Pero o Armenteira C.F. non se rendiu, e seguiu loitando e aproximándose á portería defendida por Joel Losada, facendo soñar aos numerosos afeccionados que os acompañaron cun resultado favorable nun campo no que ningún equipo conseguiu sumar sequera un punto. O resultado de dous goles a un co que rematou o partido, que ven a significar a vitoria máis apretada das vintecinco das que conseguiu esta temporada o Portonovo S.D., da claras mostras do excelente rendemento que tiveron en Baltar-Fútbol-7 os pupilos de Jonathan Crespo. Esta notable actuación provocou os eloxios do numeroso público asistente, e de feito, os xogadores e o corpo técnico do cadro verdinegro recibiron as felicitacións de parte de representantes do clube rival, o que é outro exemplo máis da extraordinaria campaña e o magnífico traballo que se está levando a cabo con este grupo de rapaces e rapazas. Os corenta e sete puntos logrados, o sexto posto na clasificación final e a clasificación para a promoción de ascenso á Primeira Categoría Alevín, na modalidade de fútbol-8, son un premio máis que merecido para este marabilloso conxunto de persoas. A próxima fin de semana, o equipo alevín ten a oportunidade de seguir escribindo a fabulosa historia na que se convertiu esta temporada co encontro da segunda eliminatoria da Copa Deputación de Pontevedra que vai disputar a partires das 12 horas no campo Municipal de Forcarei ante a E.F.B. Terra de Montes, un cadro que militou esta temporada no grupo 63 da zona de Pontevedra, no que acabou ocupando a cuarta posición con trinta puntos, un posto por debaixo e con once puntos menos có equipo vilarciano da E.D. Arousa S.D. "B".













Ningún comentario:

Publicar un comentario