Buscar neste blog

venres, 22 de abril de 2016

Partidos de copa e liga nesta fin de semana para os equipos de fútbol base do Armenteira C.F.

Os catro equipos de fútbol base do Armenteira C.F. afrontan importantes partidos nesta fin de semana, pero será en competicións diferentes, pois mentres os equipos benxamín, cadete e infantil continúan disputando a competición de liga, no seu caso a vixésimo sétima xornada, o equipo alevín, que a pasada fin de semana finalizou esta competición, terá que desprazarse ata Forcarei para xogar a segunda eliminatoria da Copa Deputación ante o E.F.B. Terra de Montes.

O primeiro equipo do Armenteira C.F. en comezar a xogar nesta fin de semana será o equipo benxamín. O cadro adestrado por Valentín Estévez e José Ramón Dacosta recibe no campo de O Leixo a partires das 11:30 horas á E.F.B. Vilanova, un conxunto que ocupa a undécima posición con trinta e dous puntos. Vai ser outra cita compricada para estes rapaces e rapazas, que continúan co seu proceso de formación no mundo do balompé, e que para esta fin de semana se presentarán no campo de A Armenteira coas baixas de último momento de Antonio e Brais Charlín. Nesta ocasión terán unha motivación engadida, xa que tratarán de brindar a súa actuación á súa compañeira Ainhoa, que dende o pasado luns conta cun novo compoñente na súa familia e na do Armenteira C.F. co nacemento do seu irmán Samuel.

O seguinte conxunto do Armenteira C.F. en poñerse a rodar  será o equipo alevín. O cadro que adestra o valgués Jonathan Crespo afronta a partires das 12 horas do sábado a segunda eliminatoria da Copa Deputación, na cal, tras superar na primeira rolda á A.D. Arousa F-7, lle correspondeu como rival a E.F.B. Terra de Montes, de Forcarei, unha formación que ven de superar na primeira eliminatoria ao Campo Lameiro C.D., ao que venceu por un gol a catro no seu feudo de A Chanciña. O longo traxecto que agarda á expedición do Armenteira C.F. que se desprazará ata o Municipal de Forcarei, 71 quilómetros e máis dunha hora de camiño, é a principal preocupación do cadro técnico. A superficie de terra do campo non debería ser unha dificultade engadida para este grupo de rapaces, xa que están acostumados a lidiar coas areas e as pedras do O Leixo no seu intento de dar un toque combinativo ao seu estilo futbolístico. Para esta cita Jonathan Crespo contará finalmente cunha convocatoria de doce xogadores, dadas as importantes baixas de última hora do central Xoán e da gardameta Anabel.

Xa pola tarde, a partires das 19 horas, virá a oportunidade do equipo cadete. O cadro que dirixen Marcial Prado e Víctor Saborido terá que visitar o campo de Monte Redondo, en Corón, onde vai ser recibido pola E.D. Arousa S.D. "B". O bloque vilagarciano, que forma parte dunha das escolas de fútbol base máis numerosas e potentes da comarca de O Salnés, sitúase na cuarta posición, con trinta e oito puntos, sete máis cós verdinegros, e está experimentando unha gran progresión na recta final de temporada, que o colocan como un dos máis claros candidatos a ocupar unha das dúas prazas que dan dereito ao ascenso directo de categoría. O técnico de Meis poderá contar en principio coa totalidade do seu reducido plantel para esta esixente cita, na que lograr a vitoria ou incluso puntar, se antolla vital para non perder de vista os postos altos da táboa.

Para finalizar a xornada, o equipo infantil, visita na mañá do domingo o campo de Baltar de Arriba, onde a partires das 10 horas se debe medir ao Portonovo S.D. "B". O cadro adestrado por Martín Casais e Jonathan Crespo atópase moi mermado de efectivos nas últimas xornadas, o que está obrigando ao corpo técnico a traballar cun grupo moi reducido de xogadores. Será necesario, polo tanto, contar con algún futbolista do conxunto alevín para completar a convocatoria e tratar de plantar cara a un rival en alza, que se atopa na quinta posición con corenta e seis puntos, e que nesta fin de temporada está apurando as súas opcións de acadar unhas das catro primeiras prazas e disputar, polo menos, as eliminatorias de promoción de ascenso á Primeira Categoría Infantil. O coñecemento do escenario no que se vai disputar o encontro e a aportación extra que pode supoñer a alineación dalgúns xogadores do conxunto alevín son as principais bazas ás que se agarran os sufridos afeccionados que acompañan partido tras partido a este grupo de futbolistas.
























Ningún comentario:

Publicar un comentario