Buscar neste blog

venres, 8 de abril de 2016

O Leixo vivirá unha nova xornada de liga cos equipos alevín e benxamín como protagonistas

O campo de O Leixo será o escenario na mañá deste sábado dos dous únicos partidos que van disputar os equipos de fútbol base do Armenteira nesta fin de semana. O obrigado descanso ao que obriga a retirada de varios equipos da competición ao equipo cadete e o aplazamento para o venres 29 de abril, de maneira provisional e a petición do clube rival, do encontro que tiña que xogar o equipo infantil en Baltar de Arriba ante o C. Xuventude Sanxenxo, deixa aos conxuntos alevín e benxamín como claros protagonistas e ás instalacións deportivas do lugar de O Busto como escenario principal desta xornada.

O conxunto alevín será o encargado de iniciar a xornada. Será a partires das 11 horas ante a S.D. Noalla coa arbitraxe de Fernández Fernández. O cadro de A Lanzada ocupa a décimo terceira posición con once puntos, fronte ao sexto posto, con corenta e catro puntos que suma a escadra que sabiamente dirixe Jonathan Crespo. Esta diferenza na táboa parece outorgar un claro favoritismo aos locais, que se manteñen nunha pugna constante neste final de liga co Unión Dena, C. Xuventude Cambados, E.F.B. Vilanova, C. Xuventú Sanxenxo e Arosa S.C. por ocupar os seis primeiros postos, os cales dan dereito ao xogar unha eliminatoria de promoción de ascenso cos clubes que ocupen similares posicións no grupo 61 da delegación de Pontevedra. Con todo, o adestrador local non quere ningún tipo de confianza, e recorda que no partido da primeira volta a escadra verdinegra xa foi derrotado no campo de A Lanzada por catro goles a dous nunha nefasta actuación do seu conxunto. Para esta ocasión o adestrador valgués poderá contar con todo o seu plantel para loitar por conseguir unha vitoria que se antolla vital para manter as súas aspiracións, no que será o último partido de liga que dispute como local o equipo alevín na presente temporada.

A continuación, a partires das 12 horas, e coa arbitraxe de Ramos Nogueira, será a quenda do equipo benxamín, neste caso ante o Catoira S.D. O cadro dirixido por Valentín Estévez, que seguirá sen poder contar nin co defensa Ramón nin co atacante Brais Charlín, presentará a novidade de Sergio Matilde, que fará o seu debut coa camisola verdinegra. O cadro viquingo, que venceu aos verdinegros no encontro da primeira volta no campo de As Lombas por oito goles a un, sitúase agora na décimo cuarta posición con dezaséis puntos. O tanto do Armenteira C.F. fora logrado naquela ocasión por Brais Oubiña, sen dúbida un dos xogadores máis en forma e con maior capacidade de xerar perigro do conxunto benxamín. Nas súas botas e nas dos seus compañeiros, así como nas luvas dunha cada vez máis acertada Sara Otero residen as esperanzas dunha sufrida afección, que fin de semana que tras fin de semana acude aos campos nos que xogan para afinar as súas gorxas, tratando de dar ánimos a estes xóvenes e esforzados futbolistas. O bo traballo de formación que se está a facer dende o corpo técnico, para o cal os resultados son un aspecto máis, pero claramente secundario, está a dar os seus froitos, polo que estes rapaces e rapazas ven reforzadas en cada partido que xogan a ilusión e as gañas por seguir descubrindo os segredos dun mundo do balompé co que a maioría deles se atopou por primeira vez nesta temporada.
















Ningún comentario:

Publicar un comentario