O Terras do Umia S.D., líder destacado do grupo, e, sen dúbida, o equipo que atesoura maior calidade nos seus xogadores de todos os que compoñen o grupo 4A da liga de veteranos da zona de Pontevedra, cumpriu os pronósticos e derrotou con claridade ao Armenteira Veteranos no encontro disputado na tarde deste sábado no campo de A Ran, en Cuntis. O cadro verdinegro saiu ao terreo de xogo coa intención de manter a orde táctica e aproveitar a velocidade en ataque de Manueliño e Jorge Castro. Pero as impresicións e os desaxustes tácticos foron unha dura lousa para o conxunto que capitanea José Luis Galiñanes ante un equipo que ten sobradas capacidades para convertir en castigo calquera concesión do rival. E así foi. Guiados polo talento de Nando, un futbolista que fai apenas un ano defendía as cores do C.D. Ribadumia na Terceira División, os locais quixeron deixar constancia da súa superioridade, e fóronse ao descanso cunha vantaxe de tres goles a cero. Os de A Armenteira trataron de reaccionar na segunda metade e buscaron incomodar a meta do Terras do Umia S.D., chegando a dispoñer dalgunha ocasión para dar algo de emoción ao partido ou, polo menos, maquillar o resultado. Jorge Castro, Manueliño, Joseíño ou Chicho tiveron nas súas botas a oportunidade de perforar as mallas contrarias, aínda que a oportunidade máis clara estivo nos pés de Alfonso. O mediocampista de Vilar asumiu a responsabilidade de lanzar un penalti que o colexiado sinalou despois de que un defensa rival tocase o balón coa man no interior da área, pero a mala fortuna fixo que o balón se fose por fóra, rozando o pau, á esquerda do porteiro. O resultado de cinco a cero co que rematou a cotenda, converte ao equipo caldense no único conxunto que, de momento, conseguiu derrotar ao Armenteira Veteranos nos dous partidos que disputaron esta temporada. Os de O Leixo, que se ven condenados tras esta xornada a descender ata o noveno posto, terán que medirse a próxima fin de semana ao Pumas Café Latino, no que ven sendo un clásico das ligas de fútbol veterano durante as últimas temporadas. O conxunto cangués, no que predominan os xogadores de orixe latiamericana, co que os verdinegros empataron a dous goles no partido da primeira volta, ocupa actualmente a quinta praza na táboa con cincuenta e sete puntos, catro máis que os de A Armenteira.
Ningún comentario:
Publicar un comentario