Buscar neste blog

venres, 8 de abril de 2016

A Armenteira volve ás urnas

Sábado día 9 de abril. Día fixado no calendario para que a parroquia de A Armenteira volva ás urnas. Moitos pensarán que con elo volve a polémica que soe envolver cada cita electoral que se celebra nesta parroquia. As denuncias e as impugnacións de votos xa se converteron na tónica habitual cada vez que os veciños e veciñas de A Armenteira son chamados a votar. Que se se alterou o censo, que se se carrexan votantes, que se algunha persoa introduce máis papeletas das permitidas... A polémica parece non cesar cando a A Armenteira lle toca exercer este dereito tan democrático. Pero nesta ocasión non será para elixir alcalde, nin concelleiros, nin deputados autónomicos, estatais ou senadores, nin sequera serán todos os veciños nin terán dereito a participar os de todos os lugares da parroquia. Unicamente poderán facelo os veciños de Vilar, ao que ultimamente se anexa o lugar de Caroi, Valboa e O Busto, e só lles corresponderá un voto a cada domicilio que reúna no que se demostre ter residencia durante un número suficiente de meses do ano. Como vimos de explicar, trátase duns comicios especiais, dos cales sairá a xunta rectora que gobernará a Comunidade de Montes Chan da Fonte durante os próximos anos.

O falecemento o pasado mes de decembro do carismático Antonino Martínez, que ocupou o cargo de presidente desta entidade durante os últimos doce anos, deixou un baleiro de poder ao que este sábado tratará de dar solución a mesa electoral instalada para tal efecto no Local Social de Vilar. Fronte ao consenso na formación das candidaturas que soía caracterizar os anteriores procesos electorais nesta ocasión a parroquia preséntase dividida, ou iso é o que parece mostrar a existencia de dúas candidaturas, con ideas e propósitos que os seus representantes se afanan en diferenciar. A candidatura que poderíamos considerar como continuísta, ou incluso oficial, dado o perfil da maior parte dos seus membros, é a encabezada por Gonzalo Otero, un home ligado ao poder local que de forma tan avalladora ven exercendo na parroquia de A Armenteira José Luis Pérez Estévez. O peso que este candidato tivo na anterior xunta xestora, na que ocupaba o cargo de secretario, así como o seu pasado concelleiro na Corporación Municipal de Meis polo Partido Popular, formación na que volveu a concurrir nas últimas eleccións, parecen evidenciar ese perfil continuísta que tamén caracteriza a boa parte dos membros da candidatura que el encabeza. Pola contra, a candidatura alternativa, que se presenta a sí mesma como a opción de cambio, encabezada por Serafín Melón, o presidente do clube de fútbol local e ao que sempre se lle achacou un perfil progresista, acude a estas votacións coa intención de dar un xiro á xestión da Comunidade de Montes e a aportar un soplo de aire fresco nos postos de goberno. Na listaxe figuran representantes da Comisión de Festas "O Noso" ou do Armenteira C.F., que configuran unha candidatura no a xuventude é a nota predominante.

A responsabilidade de elexir a nova xunta rectora corresponderá aos 108 comuneiros da Comunidade de Montes de Man Común Chan da Fonte, dos cales 21 corresponden ao lugar de O Busto, 43 ao de Valboa e 41 ao de Vilar. A nova directiva verase na obriga de reformar uns estatutos que datan de finais dos anos oitenta e que quedaron claramente obsoletos. A contención do gasto corrente dunha entidade que sempre se escudou na falta de recursos monetarios para acometer os seus proxectos, o aproveitamento das infraestrutas existentes, a reforestación duns terreos nos que o eucalipto é a especie hexemónica e a necesaria colaboración coas demais entidades locais deberían ser os eixes sobre os que xirase a política da admistración que a partires deste sábado colla a timón da Comunidade de Montes Chan da Fonte.

















Ningún comentario:

Publicar un comentario