Buscar neste blog

venres, 15 de abril de 2016

Fin de semana decisiva para os equipos de fútbol base do Armenteira C.F.

A xornada desta fin de semana preséntase como decisiva para os equipos de fútbol base do Armenteira C.F. de cara ás súas aspiracións no que resta de temporada, en especial para o equipo alevín, que o domingo disputa o seu último partido de liga, coa loita polos postos que dan acceso á promoción de ascenso en xogo.

O primeiro equipo do Armenteira C.F. en poñerse en marcha na fin de semana será o conxunto infantil, que o sábado a partires das 11:30 horas, no campo de O Pombal, recibe ao Céltiga F.C. O conxunto de A Illa de Arousa, que ocupa a oitava posición, con trinta e catro puntos, constituirá sen dúbida outra dura proba para os rapaces que nesta ocasión vai dirixir Jonathan Crespo que, tras tres sen semanas sen competición, agardan conseguir un resultado positivo ante un rival contra o que fixeron un partido aceptable no encontro da primeira volta. A velocidade de Jose Otero en ataque e a boa disposición táctica do equipo verdinegro, que conseguira chegar co resultado de cero a cero ao descanso, foron dous dos síntomas positivos que comezaron a dar motivos para a esperanza á sufrida afección que os ven acompañando cada xornada. A baixa máis que sensible de Álex Ruel, o principal baluarte defensivo da escadra de A Armenteira, supón un contratempo que Jonathan Crespo tratará de compensar coa volta de Falcao á alineación inicial. O futbolista de Meis, que volverá a lucir a elástica verde e negra despois de dous meses sen facelo, intentará aportar contundencia a unha zona ofensiva que tan só conseguiu perforar as porterías contrarias en once ocasións. Para completar a convocatoria o corpo técnico decidiu incluír na convocatoria a tres xogadores do cadro alevín, Xoán, Mosteiro e Íñigo, que veñen participando con asiduidade cos seus compañeiros de categoría infantil.

A continuación terá a súa oportunidade o equipo benxamín. O cadro que adestran Valentín Estévez e José Ramón Dacosta visitará o campo de A Rapeira, onde debe medirse á C.D. Portas, un dos conxuntos máis potentes do grupo. O cadro das terras do Umia sitúase no cuarto posto, con cincuenta e catro puntos, e xa derrotou con claridade á escadra verde e negra no encontro da primeira volta. A evolución experimentada nos últimos meses polos rapaces e rapazas do equipo de O Leixo agarda ser plasmada sobre o terreo de xogo de A Rapeira, a pesares de que o técnico cambadés do Armenteira C.F. tampouco poderá volver a contar con todos os seus efectivos. A falta de dous meses para que finalice a liga, os trece xóvenes futbolistas que acudan este sábado a Portas irán con gañas de aproveitar esta nova oportunidade para seguir medrando no mundo do balompé.

O último dos equipos en disputar xornada de liga nesta fin de semana será o conxunto alevín, posto que o equipo cadete terá que descansar de novo a causa das numerosas retiradas de clubes da competición no transcurso da temporada. O cadro que adestra Jonathan Crespo afronta a súa última xornada de liga, e o escenario para despedir a súa excelente campaña vai ser o campo de Baltar-Fútbol-7, onde será recibido polo Portonovo S.D. Con setenta e dous puntos, con vintecatro vitorias e unha soa derrota, con cento setenta e dous goles favor e once en contra, que lle permitiron proclamarse campión de liga e acadar o ascenso de maneira automática fai xa unhas semanas, a formación branca e azul é, a priori, o peor rival co que podería atoparse o Armenteira C.F, nunha cita tan decisiva. Pero, os rapaces e rapazas da escadra verdinegra, que están realizando unha campaña non menos meritoria, parten plenos de confianza para lograr un resultado positivo que sirva de colofón á súa excelente temporada. O sexto posto que ocupa actualmente o cadro alevín daríalle a oportunidade de participar na promoción de ascenso á Primeira Categoría Alevín da modalidade de fútbol-8. Na loita por estas prazas chegan á ultima xornada o C. Xuventude Cambados, a E.F.B. Vilanova, o Armenteira C.F. e o C. Xuventú Sanxenxo. Cambadeses e vilanoveses parten nunha situación máis favorable, xa que se enfrontan a C.D. Portas e Barro C.F. conxuntos situados na parte baixa da táboa, mentres que os de Sanxenxo e A Armenteira deben medirse aos dous equipos que encabezan a clasificación, o Atlético Cuntis e o líder Portonovo S.C. O cadro de O Leixo precisaría dun punto para asegurar a súa presenza na promoción, aínda esta participación podería estar garantida se o C. Xuventude Sanxenxo non consegue vencer no partido que disputará o sábado no campo de A Ran a partires das 10:30 horas.


























Ningún comentario:

Publicar un comentario