Buscar neste blog

domingo, 3 de abril de 2016

A vitoria resísteselle aos dous equipos do Armenteira C.F. que xogaron esta fin de semana

O dous equipos das categorías de fútbol base do Armenteira C.F que disputaron xornada de liga nesta fin de semana, o equipo cadete e o equipo benxamín, non puideron lograr a vitoria, pese a realizar un fútbol aceptable e merecedor duns resultados máis favorables.

O equipo cadete disputaba este sábado no campo do O Leixo o tempo restante do encontro  corresponde a décimo oitava xornada fronte ao Moraña C.F. que o colexiado decidira aprazar o 13 de febreiro a causa da intensa néboa que merodeaba o lugar de O Busto, e no o balón rodara unicamente cinco minutos. Os rapaces que dirixe Marcial Prado saíron ao terreo de xogo coa intención que manter o bo rumbo da segunda volta e conseguiron levar o dominio do encontro durante a maior parte do tempo, pero faltoulles fortuna nos metros finais. Foi cando só restaban tres minutos cando o dianteiro Alberto logrou adiantar no marcador aos locais. Parecía que o triunfo se ía a decantar do lado verdinegro, pero unha falta ao borde da área cometida por Diego Berreco foi perfectamente executada dous minutos despois polo xogador morañés Roberto Maquieira, fixando o resultado de empate a un co que finalizaría o partido. Este resultado deixa ao conxunto adestrado por Marcial Prado na sétima posición, a tres puntos do Moraña C.F., que continúa no sexto posto. A retirada da competición de varios equipos dos que ían a competir neste grupo obrigará ao cadro verdinegro a descansar durante as dúas próximas fins de semana, co que o técnico local aproveitará para ir preparando a cita da primeira rolda da Copa Deputación de Pontevedra que o medirá no campo de O Leixo á S.D. Chispa. que terá lugar previsiblemente en torno ao día 20 de abril.

Pola súa contra, o equipo benxamín desprazábase na mañá do sábado ata o campo Municipal de Zacande para disfrutar dun novo derbi municipal entre os dous únicos conxuntos con categorías de fútbol base que hai no Concello de Meis. O C.D. Mosteiro partía como favorito dada a súa mellor posición na táboa, aínda que os rapaces e rapazas adestrados por Valentín Estévez e José Ramón Dacosta realizaron un partido serio no que trataron de combinar e sacar o balón xogado dende atrás e a base de ímpetu realizaron máis dun achegamento á área rival, pero dous envíos ao longueiro e o desacerto nos metros finais impediron que puideron lograr algún tanto. O cadro da capital do municipio acabou facendo valer a súa maior experiencia e contundencia en ataque e impúxose finalmente ao equipo verdinegro por seis goles a cero. De novo a boa actuación da gardameta Sara Otero, así como o bo traballo no mediocampo dun moi motivado Álex Grigorio, que competía fronte a algúns dos seus compañeiros de estudo, ou a loita e a insistencia na zona de ataque de Brais Santamaría foron algúns dos aspectos máis destacables dun conxunto cada vez máis completo a nivel colectivo e no que o boa labor de formación que está a facer o corpo técnico dirixido por Valentín Estévez estase a mostrar cada vez que estes xóvenes futbolistas saltan ao campo. Na próxima fin de semana o equipo benxamín recibirá a visita do Catoira S.D., un cadro que a décimo cuarta posición con dezaséis puntos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario