Buscar neste blog

sábado, 30 de abril de 2016

Un hat-trick de Jorge Castro marca as diferenzas en O Revel e da un novo triunfo ao Armenteira Veteranos

O Armenteira Veteranos conseguiu sumar unha nova vitoria na tarde deste sábado no campo de O Revel, o Vilalonga no encontro que o medía ao Viajes Inter-Rías Villalonga. A tarde, que se presentaba soleada e autenticamente primaveral, non comezou ben para os verdinegros. Cando se levaban apenas cinco minutos de xogo os locais aproveitaban un desaxuste defensivo dos de O Leixo para adiantarse no marcador. Co resultado a favor e apoiado na creatividade do seu mediocampo, o Viajes Inter-Rías fíxose co dominio do balón e parecía levar o ritmo de partido sen pasar demasiados apuros. O Armenteira Veteranos decidiu entón reforzar a liña medular coa entrada de Marcial e o cambio de Martín á posición de medio volante. Esta variación táctica obrigaba ao conxunto verdinegro a sacrificar unha peza na punta de ataque, pero así conseguía frear a superioridade numérica que ata entón tiñan os de Vilalonga na zona de creación. Quedaba un único home na punta de ataque, que non era outro que Jorge Castro, sen dúbida un dos xogadores máis decisivos metros finais dos que militan neste grupo da liga de veteranos. A efectividade que soe exhibir o dianteiro de Vilar non tardou en deixarse notar, e ao fío do descanso recibiu un balón na área e o logrou axustalo ao pau dereito para colalo no fondo das mallas do cadro blanquivermello. Coa igualada no marcador e co vento a favor na segunda metade o Armenteira Veteranos tomou o control da situación e as aproximacións á área rival sucedíanse. E nese contexto volveu a emerxer a figura de Jorge Castro, primeiro resolvendo de novo unha xogada na área e logo sacando proveito dun balón que recibiu en profundidade. Coa frialdade que o caracteriza driblou e sentou ao porteiro e tivo tempo para orientarse e colocar o balón no fondo da rede ante a desesperación dos defensas locais. A partir de entón os verdinegros puideron manexar o partido con tranquilidade e só os discutidos fóras de xogo que o colexiado sinalaba unha e outra vez e o desacerto nos metros finais impediron que aumentasen a vantaxe. O desgaste físico do Armenteira Veteranos, que viron como o central Carlos, tras unha impecable actuación, tiña que retirarse por problemas físicos, e a incorporación de máis efectivos dos blanquivermellos en ataque déronlles a estes un alento final, que aproveitaron xa nos minutos de desconto para conseguir o seu segundo tanto nunha cabezada tras un libre indirecto que se escapou das garras do meta Joserra. Con este triunfo por dous goles a tres os de A Armenteira sitúanse no oitavo posto con cincuenta e tres puntos e mantéñense na loita por acceder á zona alta da táboa. Para confirmar estas aspiracións deberán superar a próxima semana no campo de O Leixo ao conxunto morañés do Cafetería Pasaje, que ocupa a décimo cuarta posición vintenove puntos.




Ningún comentario:

Publicar un comentario