Buscar neste blog
venres, 29 de abril de 2016
O lugar de Cabeza de Boi prepárase para celebrar esta fin de semana as festas de San Xosé Obreiro
A parroquia de A Armenteira vivirá unha nova fin de semana de festas. Será o sábado 30 de abril e o domingo 1 de maio, cando no lugar de Cabeza de Boi, así como nos lugares anexos de As Pereiras e Gondes, se celebre a tradicional festa na honra de San Xosé Obreiro. Para este ano, a comisión de festas presidida por Álvaro Martínez deseñou un programa de festas que dará comezo o sábado día 30 coa verbena que protagonizarán os grupos musicais Arena e Alkar, dous clásicos das celebracións festivas da comarca. O domingo será o día forte, e comezará cun pasarrúas polos diversos recantos da parroquia, e a continuación oficiarase unha misa cantada por un coro na honra de San Xosé Obreiro, sita no lugar de Cabeza de Boi, ao pé da estrada que sobe cara o mosteiro de A Armenteira. A continuación organizaranse varios concursos, para os cales a Comisión ten preparadas varias sorpresas e premios e, para finalizar, pola noite, actuarán a orquestra Samba e o dúo Media Luna. Os representantes da Comisión de Festas agardan que un bo número de persoas acudan a este evento festivo, un dos máis significativos dos que teñen lugar no entorno, e polo que, no seu día pasaron algunhas das máis renomeadas orquestras de Galicia, como a París de Noia, a Gran Parada, a Sintonía de Vigo ou Los Satélites de A Coruña, e artistas tan relevantes como a malograda Ana Kiro.
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario