Buscar neste blog

venres, 29 de abril de 2016

A vixésimo oitava xornada preséntase para os equipos cadete, benxamín e infantil do Armenteira C.F.

Os equipos de fútbol base do Armenteira C.F. afrontan esta fin de semana unha nova xornada de liga, a vixésimo oitava, na que os equipos cadete, benxamín e infantil afrontarán compromisos de desigual dificultade.

O equipo cadete recibe este sábado a partires das 11:30 horas, no campo de O Leixo, coa arbitraxe de Asensio Fariza, ao C.D. Bamio, un conxunto que ocupa a última posición na táboa con só un punto. Os xogadores que dirixen Marcial Prado e Víctor Saborido queren manter as opcións de achegarse aos postos altos da táboa e para elo deben vencer a un rival que acudirá ao campo de O Leixo coa intención de lograr a primeira vitoria da temporada. A baixa segura do gardameta Yago, á que se pode unir algunha máis de última hora, obrigará ao cadro técnico local a reestruturar o once inicial, no que se da por segura a presenza de novo no eixe da zaga de Carlos Soto.

O equipo benxamín, pola súa parte, visita na tarde do sábado o campo do Monte da Vila, onde, a partires das 16:30 horas, coa arbitraxe de Rey Prieto, deberá medirse á U.S.D. de O Grove. O cadro técnico formado por Valentín Estévez e Pol Dacosta terá unha difícil misión para organizar un plantexamento que free o potencial ofensivo dos mecos, sétimos clasificados con cincuenta e catro puntos. A baixa de última hora de Antonio fai prever que o conxunto verdinegro se poida presentar escaso de efectivos en terras peninsulares, aínda que tanto o corpo técnico como a sufrida afección manteñen as esperanzas nun grupo de rapaces e rapazas que seguen contemplando como os seus entregados adestradores lles van descubrindo os segredos do balompé. A progresión que está experimentando Sara Otero na portería, á que se uniu nas últimas xornadas a de Sergio Matilde nesa mesma posición, son dúas das notas máis positivas que fan albergar moitas ilusión nesta formación do clube verde e negro.

Para finalizar a xornada para o Armenteira C.F., o equipo infantil, que ven de disputar este venres o encontro aprazado da xornada 25 ante o C. Xuventú Sanxenxo, recibirá no campo de O Pombal, o domingo a partires das 11:30, ao Unión Dena C.F., e que volverá a ser dirixido polo colexiado Padierna Quintero. A escadra adestrada por Martín Casais e Jonathan Crespo terá outro difícil compromiso ante un rival que ocupa a terceira posición na táboa con cincuenta e oito puntos, e que xa no partido da primeira volta infrinxiu unha abultada derrota aos verdinegros. A máis que previsible baixa de Jose Otero, que estaba a convertirse nun dos principais pilares defensivos do conxunto infantil nas últimas xornadas, súmase aos diversos contratempos aos que habitualmente ten que enfrontarse este grupo de xogadores. O corpo técnico verase obrigado a recurrir novamente á convocatoria de varios xogadores de categoría alevín, que finalizada xa a súa liga, tratarán de reforzar e dar algo de alento a un equipo que tratar de manter o tipo ante as numerosas adversidades que lle van presentando.




Ningún comentario:

Publicar un comentario