Buscar neste blog

domingo, 10 de abril de 2016

Resultados dispares para os equipos alevín e benxamín do Armenteira C.F. na vixésimo quinta xornada de liga

Os dous únicos equipos de fútbol base do Armenteira C.F. obtiveron nesta xornada, a vixésimo quinta no que vai de temporada, resultados ben dispares nos encontros que disputaron esta fin de semana. Mentres o equipo alevín vencía de forma contunde á S.D. Noalla, o equipo benxamín sufriu outra desafortunada derrota, neste caso ante o Catoira S.D.

O equipo alevín, que recibía na mañá do sábado no campo de O Leixo á S.D. Noalla partía coa clara intención de sumar unha nova vitoria e non fallar na súa loita por meterse nos seis primeiros postos da clasificación, que dan dereito a xogar unha promoción de ascenso. O técnico local, Jonathan Crespo, preocupado pola relaxación e o descenso do nivel de rendemento dos seus xogadores e xogadoras nos últimos encontros, quixo que o seu equipo saíse ao terreo de xogo sen ningún tipo de confianza. E así foi. Nada máis comezar o encontro o Armenteira C.F. conseguiu xa poñer o encontro de cara. Primeiro foi Zubo culminando na área pequena unha xogada colectiva, despois viría o tanto de Hugo cun disparo dende a frontal e despois chegaría un regueiro de goles que configurarían o once a cero co que rematou o partido. O reparto final de goles, por anecdótico que sexa, quedou en catro goles de Adri, dous de Zubo, dous de Mosteiro, un de Sara Rey e outro do sempre combativo Migui. Con esta vitoria o conxunto verdinegro mantense na sexta posición, con corenta e sete puntos, unha cifra que da claras mostras da excelente temporada que está a realizar a formación que dirixe o técnico de Cordeiro. A última xornada preséntase de infarto de cara as aspiracións de loitar por entrar nos seis primeiros postos da táboa, que darán dereito a disputar unha promoción de ascenso a aqueles equipos que as ocupen. O rival será a potente escadra do Portonovo S.D., líder destacado e que xa logrou o campionato do grupo de forma matemática fai unhas semanas. Os rapaces e rapazas do equipo de O Leixo necesitarían sumar un punto ante un rival que que só sufriu unha derrota no que levamos de temporada para asegurar a súa presenza entre os seis primeiros. De non lograr puntuar no campo de Baltar Fútbol-7 tería que agardar a que o C. Xuventú Sanxenxo non gañase no difícil campo de A Ran, no que se mide ao Atlético Cuntis, segundo clasificado do grupo. Con todo, independentemente do resultado que se dea na próxima xornada a temporada que está a realizar a escadra que adestra Jonathan Crespo pódese considerar como mínimo de excelente, e o colofón a tan fantástica campaña podería chegar coa participación na promoción de ascenso, coas eliminatorias da Copa Deputación e cos torneos de fin de temporada aos que este equipo vai acudir no mes de xuño.

Pola contra, o equipo benxamín non tivo tanta fortuna no encontro que o enfrontou a continuación no campo de O Leixo ao Catoira S.D. Os rapaces e rapazas que adestran Valentín Estévez e José Ramón Dacosta seguen co seu proceso de formación, e o traballo que adestramento a adestramento e partido e partido aplica de forma rigurosa o corpo técnico vai dando os seus froitos de forma lenta pero segura. A colocación no campo, os desprazamentos de balón e o intento de construción de xogadas son aspectos que deben primar sobre os resultados nas categorías iniciais do fútbol. O Armenteira C.F. é un clube que normalmente parte con desvantaxe a nivel de competivividade respecto doutros clubes nas primeiras etapas de formación, pero esas distancias vanse reducindo a pasos axigantados a medida que os futbolistas van subindo categorías. Por iso, a labor instructiva que se está a levar a cabo no equipo alevín é tan importante, e a súa importancia será máis valorada dentro duns anos, cando os coñecementos adquiridos por estes xóvenes futbolistas se plasmen máis claramente sobre os terreos de xogo. Por elo, a derrota por un gol a trece ante o Catoira S.D., con tanto de Álex Grigorio para os locais tras remexerse no chan e colocar o balón pegado ao pau esquerdo da portería, non é máis que unha anécdota neste proceso de aprendizaxe. O debut coa camisola verdinegra de Sergio Matilde, cunha actuación máis que aceptable, é outra nota esperanzadora de cara ao futuro prometedor que esta xeración de xogadores e xogadoras dará ao Armenteira C.F. A próxima cita para o conxunto que adestra Valentín Estévez será no campo de A Rapeira, onde se vai medir ao C.D. Portas, un dos rivais máis poderosos do grupo, que ocupa a cuarta posición con cincuentra e catro puntos.













Ningún comentario:

Publicar un comentario