Buscar neste blog

mércores, 13 de abril de 2016

Os penaltis deciden en O Leixo

Os lanzamentos dende o punto fatídico volveron a ser determinantes á hora de decidir o vencedor dunha eliminatoria. Neste caso foi na que disputaron os equipos de categoría cadete do Armenteira C.F. e o da S.D. Chispa. Nun partido no que o técnico local decidiu partir de inicio co seu once de gala, a excepción do mediocampista Mathias, que tivo que agardar a súa oportunidade no banquillo a causa duns problemas de saúde. O adestrador de San Salvador apostou por Yago na portería; por unha liña defensiva con Diego Berreco no lateral dereito, Sergio Nogueira e Carlos como centrais e Javi Moimenta no lateral esquerdo; por un mediocampo con Bale como mediocentro defensivo e con Roberto e Jose Piñeiro como volantes; e por unha liña de ataque con Villa pola dereita, Gulte pola esquerda e Alberto como dianteiro centro. A primeira parte foi de claro dominio dos de Corón, que saíron con maior intensidade e mostraron un maior criterio na circulación do balón. Froito deste dominio, Óscar Pazos, o xogador máis desequilibrante da S.D. Chispa, adiantou aos visitantes finalizando na área unha xogada xerada na banda esquerda do equipo celeste. Despois do período de descanso Marcial Prado decidiu dar entrada a Mathias, o que unido ao aumento na intensidade no xogo dos seus homes, fixo que na segunda metade o dominio pasase a mans dos de A Armenteira. Con todo, as ocasións claras facíanse agardar ante a desesperación dos afeccionados locais. Pero foi Alberto, co pundonor e a entrega que o caracterizan, o que resolveu unha xogada na área, na que tras estrelar o balón no pau, recolleu o rexeitamento  e colocou o esférico no fondo das mallas. Con este resultado chegaríase ao minuto noventa, co que houbo que recurrir aos lanzamentos dende o punto de penalti para dilucidar o gañador da eliminatoria. Alberto, Jose, Carlos e Diego Berreco converteron por este orde os lanzamentos para o Armenteira C.F., mentres que a S.D. Chispa só logrou materializar dous dos penaltis. Para coñecer o rival da seguinte rolda o cadro verdinegro terá que agardar ao vencedor da eliminatoria que disputarán a próxima semana o  C.D. Bamio e a E.D. Arousa S.D., con claro favoritismo para o segundo, líder destacado e que xa logrou ascender de forma matemática á Liga Galega.


Ningún comentario:

Publicar un comentario