O equipo alevín do Armenteira C.F. venceu na tarde deste mércores no campo de Berdón, en Vilagarcía de Arousa, á A.D. Arousa F-7 por un gol a tres, o que lle permite superar a primeira eliminatoria da Copa Deputación de Pontevedra na modalidade de fútbol-8. O partido púxose axiña de cara para o conxunto que adestra Jonathan Crespo. Nun saque de curruncho lanzado por Hugo o central Íñigo logrou dirixir o balón no centro da área co seu pé dereito cara o fondo das mallas do cadro amarelo. A partires de entón o partido parecía presentarse cómodo para os rapaces e rapazas da formación verdinegra, e aínda máis cando Zubo aproveitou un balón que recibiu en profundidade superando a entrada do porteiro local, que intentou derrubar ao dianteiro chinés, pero este conseguiu proseguir coa súa carreira e conducir o balón ao interior da portería do A.D. Arousa F-7. Esta vantaxe provocou que os de A Armenteira entrasen nun clima de relaxación, permitindo que o equipo vilagarcián se fose facendo coa posesión do esférico e comezase a chegar con máis frecuencia ao marco defendido por Sergio. Nun deses achegamentos, Ismael Silva, o futbolista con maior vigor físico dos que participaron no encontro, culminou unha xogada individual pola banda esquerda colocando o balón dentro das redes visitantes. O Armenteira C.F. tratou de reaccionar e facerse co control dun partido que se mantiña con dominio alterno, e a tranquilidade para os verdinegros non chegou ata que a falta de tres minutos para o final, nun balón en longo lanzado por Migui, que nin Zubo nin o gardameta local alcanzaron a contactar, o un a tres final subía ao marcador. Na seguinte rolda o equipo verde e negro terá que medirse á E.F.B. Terra de Montes. un conxunto que ven de rematar a liga, na que competiu no grupo 63 da zona de Pontevedra, finalizando na cuarta posición. Será un desprazamento longo para os de A Armenteira, xa che lles agarda aproximadamente unha hora de viaxe ata o campo Municipal de Forcarei, unha instalación deportiva que tampouco lles debería resutar extrana aos futbolistas que dirixe Jonathan Crespo, posto que ao igual que o campo de O Leixo, conta cun terreo de xogo con superficie de terra.
Ningún comentario:
Publicar un comentario