Buscar neste blog

domingo, 29 de xaneiro de 2017

Derrota xusta pero enganosa do equipo alevín do Armenteira C.F. en Baltar de Arriba

O equipo alevín do Armenteira C.F. sufriu unha abultada derrota no partido que disputou na mañá deste domingo ante un inspirado C. Xuventú Sanxenxo no campo de Baltar de Arriba. O resultado final de sete goles a un parece indicar a primeira vista que se tratou dunha malleira, pero, como puideron observar os numerosos asistentes que acudiron á famosa vila turística das Rías Baixas, o resultado é, a todas luces, enganoso. Ben é certo que non foi o día dos nenos e nenas que adestra Luis Barral, aos que posiblemente afectou o nerviosismo de xogarse o liderato do grupo ante o equipo que ocupaba a primeira posición. Pero tampouco os acompañou a fortuna nos momentos decisivos do partido. De feito, nos primeiros minutos o dominio correspondeu ao Armenteira C.F. A saída do balón dende a zona defensiva de Adri, o control dende o mediocentro de Íñigo e o desequilibrio de Manu Meixús e Junior por banda mostraban a un conxunto ben asentado que partía coa intención de lograr unha vitoria que o aupase á primeira posición da táboa clasificatoria. Todas estas ilusións comezaron a derrubarse canto un veloz contraataque dos locais acabou cun centro dende a banda esquerda que Sergio Matilde non puido atallar e Miguel Pérez enviaba ao fondo das mallas. A reacción dos visitantes viuse cortada cando Yoel Pazos acadaba o segundo tanto nun lanzamento directo dende a zona de córner que se colou entre a defensa e o porteiro verdinegro. A fortuna volveu aliarse co cadro amarelo no terceiro gol, cando Juan Gómez disparou dende fóra da área e o balón impactou en Fran para desviar a súa traxectoria, despistando a Sergio Matilde. Con esta desvantaxe a moral dos xóvenes futbolistas do Armenteira C.F. viuse abaixo e nin sequera o gol dende o saque de centro de Adri no minuto 20 axudou a elevar minimamente os seus ánimos. Na segunda metade o C. Xuventú Sanxenxo fíxose dono absoluto do partido e vivindo da súa inspiración anotaría tres tantos máis. A pesares desta derrota a formación que dirixe Luis Barral mantense no segundo posto con nove puntos en plena loita polo campionato do grupo. A próxima fin de semana buscará confirmar de novo as súas aspiracións no encontro no que recibirá no campo de O Leixo á S.D. Chispa, que ocupa a sétima praza con seis puntos.


Ningún comentario:

Publicar un comentario