Buscar neste blog

sábado, 25 de marzo de 2017

O Armenteira Veteranos afúndese nos últimos minutos en O Pombal ante o Cafetería Vilariño

O Armenteira Veteranos caiu derrotado por catro goles a dous no partido que disputou na tarde deste sábado no campo de O Pombal ante o Cafetería Vilariño-Cambados. Cun plantel moi limitado en canto a número de efectivos, só doce xogadores presentou o cadro verdinegro sobre as instalacións deportivas cambadeses, os de A Armenteira realizaron un partido completo e competiron de igual a igual ante un conxunto que se sitúa na terceira praza da clasificación e que está entre os máis claros candidatos ao ascenso de categoría. Foron os locais os que se adiantaron por mediación de Adrián Vilas ao que os de A Armenteira deron resposta a través dun Jorge Castro que volveu ser o seu futbolista máis incisivo. Un penalti errado polos verdinegros iniciaría un conxunto de fatalidades que levarían á perda dun encontro no que estiveron nunha disposición máis que favorable para levarse os tres puntos. A falta de vinte minutos para a finilización do partido Jorge Castro convertía en gol un lanzamento de falta pero, a partires de entón, o cansanzo e os problemas físicos do Armenteira Veteranos comezaron a pasar factura. De novo Adrián Vilas remachaba na área pequena un balón que caiu nos seus pés, e dúas xogadas orixinadas por Adrián Ferreiros, un corpulento pero habiloso atacante, acabarían co coiro no fondo das mallas defendidas por Joserra. Para resarcirse desta derrota, o Armenteira Veteranos, que continúa unha semana máis na décima posición, volverá probar sorte o próximo sábado repetindo visita ao campo de O Pombal, aínda que nesta ocasión será para medirse ao Albariño Veteranos, quinto clasificado con corenta e seis puntos.


Ningún comentario:

Publicar un comentario