O equipo alevín do Armenteira C.F. conseguiu un importante triunfo na visita que na mañá deste domingo realizou ao campo de O Pombal, en Cambados, onde se enfrontou ao C. Xuventude Cambados. Era un duelo de gran rivalidade e que se prevía intenso, como así foi, medía ao segundo clasificado, o cadro que dirixe Luis Barral, e ao que ocupa o terceiro posto. O técnico de Barrantes que non puido contar con Brais Santamaría nin con Álex Grigorio, baixa a última hora, dispuxo un equipo inicial con Jose Domínguez na portería, Fran e Andrés Fernández como centrais, Javi por diante da defensa, Íñigo no mediocentro, Manu Meixús pola banda dereita, Junior pola esquerda e Adri en ataque. O inicio do de claro dominio verdinegro. A motivación coa que saiu o Armenteira C.F. traduciuse xa no primeiro minuto co tanto que logrou Junior cun potente disparo tras unha xogada persoal. Pouco tardou en reaccionar o conxunto local, e aproveitando un erro na saída do balón dos de A Armenteira Francisco Serto poñía e igualada. Este gol non supuxo un freo ás intencións dos verdinegros e Adri, coa voracidade que o caracteriza, anotaría dous novos tantos que parecían dar certo alivio á nutrida afección que se desprazou ata O Pombal para animar aos de O Leixo. Un erro similar ao que dera lugar ao primeiro gol dos de Cambados, permitiría que Pablo García acadase o segundo gol para os seus e apretase o marcador. Unha estratexia no saque de córner, na que un futbolista cambadés despitou á defensa verdinegra ao deixar pasar o balón polo medio das súas pernas, acabaría no fondo das redes defendidas dun Jose Domínguez que pouco puido facer ante o disparo de Francisco Bugallo. Antes de chegar ao descanso Adri, e logo, xa na segunda metade, Íñigo e Manu Meixús volvían a poñer terra de por media para os visitantes pero, un contraataque no que os futbolistas do C. Xuventude Cambados se levaron varios balóns divididos e un rexeitamento tras un lanzamento de falta que se escapou das mans de Jose Domínguez darían dous novos goles ao conxunto amarelo nun desenlace do encontro que resultou especialmente emocionante. Con esta importante vitoria, o Armenteira C.F. mantense na segunda posición, con seis puntos de distancia sobre o seu rival deste domingo, que segue na terceira praza, e sitúase a só un punto do C. Xuventú Sanxenxo, que só puido empatar no partido que disputou no campo de As Lombas ante o Catoira S.D. Restan dous partidos para rematar a primeira volta e toda a segunda volta, polo que o camiño aínda se prevé longo e difícil para os nenos e nenas que dirixe Luis Barral, pero a escadra verdinegra depende de sí mesma para loitar por un campionato de liga que sen dúbida sería o mellor premio ao traballo e implicación do magnífico grupo humano que forma e rodea este equipo. Para continuar con esta exitosa ruta intentarán vencer a próxima fin de semana en O Leixo ao C.D. Lérez, un conxunto que pertence á estrutura de fútbol base do Pontevedra C.F. e que ocupa a oitava posición con once puntos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario