Buscar neste blog

sábado, 18 de marzo de 2017

O Armenteira Veteranos cumpre e vence con claridade ao Catoira Veteranos

O Armenteira Veteranos venceu con claridade ao Fonte da Garza-Catoira Veteranos no partido disputado na tarde deste sábado no campo de O Leixo. O marcador final de catro goles a cero reflicte a superioridade que mostraron os de José Luis Galiñanes, que cumpriron co papel de favoritos que lles outorgaba a situación na táboa clasificatoria e lograron encadear dúas vitorias consecutivas despois de varios meses sen facelo. O conxunto verdinegro presentou un once inicial con Joserra na portería, Jorge Dávila, Óscar, Marcos e Portas en defensa. Marcial, Javi, Jorge Castro e Joseíño na liña de medios, e Galiñanes e Manueliño en ataque. A intensa calor coa que nos agasallaron estes días de despedida do inverno condicionou un encontro no que o ritmo lento e tedioso que impuxeron os de Catoira acabou contaxiando ao Armenteira Veteranos. Serios e ordenados e intentando trazar un xogo combinativo dende a zona defensiva, sen dúbida a súa liña máis potente, os futbolistas das terras viquingas parecían máis asentados e fixéronse coa batuta do xogo nos primeiros minutos. Os locais, imprecisos e faltos de presenza no mediocampo, buscaban facer dano por banda e contactar cuns atacantes que se perdían entre a seguridade dos centrais do equipo rival. Apenas sentía perigo Joserra e a cuestión era abrir a lata. É o Armenteira Veteranos un conxunto que se sente máis cómodo ante contricantes que deixan espazos polos que poden penetrar os seus veloces e incisivos atacantes. E sería Jorge Castro, ocupando xa a posición de dianteiro, o encargado de marcar o camiño do gol aos seus compañeiros. O dianteiro de Vilar recibiu en profundidade e definiu con suavidade ante a saída de Francisco García. Con esta vantaxe ao descanso todo parecía máis fácil para os de O Leixo. Sen forzar demasiado a máquina, o renda dos locais íase incrementando ao tempo que os problemas físicos mermaban aos futbolistas de Catoira. Un gran centro de Manueliño era recollido e enviado ao fondo das mallas rivais por un Galiñanes que volvía a anotar por segundo partido consecutivo. Manueliño, cun excepcional disparo dende fóra da área á escadra poñía o tres a cero e, de novo, Manueliño lograba culminar dentro da área unha combinación en ataque para fixar o catro a cero. Habería máis ocasións para os locais, especialmente nos pés de Rafa, que quixo probar o seu excelente disparo dente media e longa distancia, pero o marcador xa non se movería. Con este triunfo o Armenteira Veteranos consolídase na parte media da táboa, na décima posición con trinta e un puntos. O próximo sábado, os verdinegros deberán desprazarse ata o campo de O Pombal para medirse a un dos conxuntos máis potentes do grupo, o Cafetería Vilariño-Cambados, terceiro clasificado con cincuenta puntos.





Ningún comentario:

Publicar un comentario