O equipo infantil do Armenteira derrotou por tres goles a un ao Unión Dena C.F. no partido disputado na tarde deste sábado no campo de O Leixo. Ante un agradable ambiente e unhas poboadas bancadas os rapaces e rapazas que dirixe Valentín Estévez "Tilín" superaron con éxito unha dura proba, ao igual que xa fixeran na primeira volta, cando tamén lograran levarse os tres puntos de As Cachizas. O encontro tiña varios alicientes a engadir a rivalidade pola proximidade entre ambas localidades e a escasa diferenza na táboa entre ámbolos dous conxunto. Un deles era a presenza no banquillo visitante de José Agís "Pichi", ex-adestrador do Armenteira C.F. e que dirixiu durante a súa etapa prebenxamín a algúns dos xogadores do cadro verdinegro aos que se mediu este sábado. Pola súa contra, "Tilín", que tivo que cumprir sanción tras a expulsión do pasado sábado en Ribadumia, presentou un once inicial con Sergio Casal na portería, Migui, Xoán, Santi e Sebas en defensa, Carlos e Jose Otero como mediocentros. Álex Ruel e Andrés Liu nos costados, Hugo na mediapunta e Piñeiro en ataque. O encontro caracterizouse pola intensidade dende os primeiros intres. Alternábanse as aproximacións á área rival dun e outro equipo. A seguridade de Sergio Casal baixo paus impedía que os balóns longos ás costas dos centrais que enviaban os de Dena, e que tanto dano facían ao Armenteira C.F., tivesen maiores consecuencias. Un saque de córner cabeceado ao fondo da rede verdinegra por Edu Baquero adiantaba aos visitantes. Non tardarían moito en respostar os locais e Jose Otero colocaba un disparo de media distancia no fondo das mallas defendidas por Roberto García. Sen agardar ao descanso, unha gran xogada individual de Álex Ruel, na que se desfixo da varios contricantes, era rematada en gol tras un potente zapatazo do mediocampista de Meaño, que fai anos militou no Unión Dena C.F. e ao que tanto añora a afección de As Cachizas. Á volta do descanso os visitantes aumentaron o ritmo de xogo e cercaron a meta de Sergio Casal, pero o Armenteira C.F. defendeu con orde e mostrouse sólido interceptando as accións de ataque dos branquiazuais, que pecaron tamén de falta de puntería. Unha excelente asistencia de Hugo era culminada por Piñeiro para poñer a tranquilidade dunha afección local eclipsada polos enferverorizados ánimos dos afeccionados que se desprazaron dende Dena. Os cambios de xogo e disposición táctica realizados por "Tilín", destacando sobre todo a colocación de Álex Ruel no centro da zaga, fixeron que os locais non pasasen por excesivos apuros na recta final dun partido que remataría cunha vitoria por tres goles a un que mantén ao Armenteira C.F. na novena posición con trinta e cinco puntos. A próxima cita para a escadra verde e negra será o xoves 30 de marzo, a partires das 19:30 horas, no campo de Monte Redondo, en Corón, ante a S.D. Chispa, un posto por enriba e con tres puntos de vantaxe sobre o conxunto de O Leixo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario