Buscar neste blog

sábado, 18 de marzo de 2017

Cómodo triunfo ante o C.D. Lérez que sitúa ao equipo alevín do Armenteira C.F. coma líder provisional

O equipo alevín do Armenteira C.F. conseguiu un cómodo triunfo por dez goles a cero ante o C.D. Lérez no partido que disputaron ámbalas dúas escadras na mañá deste sábado no campo de O Leixo. O cadro que adestran Luis e Alba Barral partía como claro favorito ante a escadra do C.D. Lérez, un conxunto que forma parte da estrutura de fútbol base do Pontevedra C.F., e esa superioridade xa se mostrou nada máis darse por iniciado o encontro. Con apenas uns segundos de xogo Manu Meixús resolvía de forma maxistral unha xogada colectiva e, a partires de entón, o maior potencial futbolístico e físico do Armenteira C.F. foise plasmando pouco a pouco nun marcador que reflectiu ben ás claras esta diferenza de nivel. Cinco tantos de Manu Meixús, dous de Adri, un de Fran tras un lanzamento de falta, outro de Íñigo e finalmente outro de Brais Santamaría foron a testemuña nun partido que lle outorgou tres novos puntos a un conxunto verde e negro que esta semana non só estreaba unhas flamantes camisetas, senón que tamén se coloca no liderato do grupo 63A da Segunda fase alevín, á espera do que suceda no partido trasladado para o próximo martes ás 17:00 horas no campo de O Pombal entre o C. Xuventude Cambados e o C. Xuventú Sanxenxo. De producirse un empate ou de vencer os locais, esta posición de liderato sería xa oficial para os rapaces e rapazas do clube de O Leixo. Está sendo unha segunda fase especialmente exitosa para os pupilos de Luis Barral, que xornada a xornada ofrecen un recital de fútbol, destacando sobre todo a riqueza e a variedade de recursos ofensivos, que os colocan actualmente como o conxunto máis goleador do grupo. A próxima fin de semana o equipo alevín do Armenteira C.F. terá unha nova oportunidade para seguir na competida loita polo título de campión de liga no partido que vai disputar no campo de Outeiro-Perdecanai ante o Barro C.F., décimo clasificado con sete puntos.


Ningún comentario:

Publicar un comentario