Sene Ousmane, o potente e talentoso extremo zurdo da A.C.D. Ancorad´ouro F.S. volveu marcar as diferenzas no partido que disputaron o seu equipo e o conxunto benxamín do Armenteira C.F. O dianteiro de orixe africana resultou decisivo para que a escadra de San Tomé de Piñeiro se levase un triunfo por tres goles a oito nunha mañá de sábado na que o futbolista marinense compartiu protagonismo coa intensa néboa que cubriu o terreo de xogo do campo de O Leixo durante boa parte do tempo. Os primeiros minutos foron de tanteo, con alternativas por ámbolos dous bandos, pero axiña os visitantes lograron tomar vantaxe por mediación de Aarón Gómez, que batiu a Sara Otero despois dunha internada por banda esquerda na que apenas atopou oposición por parte da defensa verdinegra. A reacción do Armenteira C.F. non se fixo agardar, e foi de novo o seu principal referente ofensivo, Brais Charlín, neste caso a través dun lanzamento directo de córner. Entón chegou o momento de Sene Ousmane, que comezou un recital ofensivo no que se viu favorecido pola escasa resistencia e a falta de contundencia na marcaxe e no corte dos defensores locais. Tres goles consecutivos do extremo marinense e outro de Hamza Farrah puxeron en bandexa o triunfo á A.C.D. Ancorad´ouro e remataron coas esperanzas da afección local. Na segunda metade os nenos e nenas da escadra verdinegra saíron a xogar as súas últimas bazas, e lograron facerse co dominio do xogo nos primeiros minutos. Dous novos goles de Brais Charlín, un ao culminar unha xogada colectiva e outro executando un perfecto lanzamento de falta, non foron suficientes para inquedar a un rival no que Pablo Maquieira, Sene Ousmane e Hamza Farrah non quixeron dar cabida á emoción e dictaron sentenza para a que é a segunda vitoria da temporada para o cadro azul. Só dúas xornadas lle restan á competición, nas que A.X. Saraiba do Mar e o Céltiga F.C. agardan a un equipo alevín do Armenteira C.F. que está completando con éxito esta etapa de fútbol formativo e que intentará sumar algún punto máis antes de que se dea por finalizada a temporada. O seu rival da próxima fin de semana, A.X. Saraiba do Mar, que ocupa a terceira posición con vintetrés puntos, vai ser un duro escollo para que a formación verdinegra vexa completamente cumpridos os seus obxectivos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario