Buscar neste blog

sábado, 11 de marzo de 2017

Jorge Castro guía ao Armenteira Veteranos cara un gran triunfo en Barrantes

O Armenteira Veteranos conseguiu un importante e traballado triunfo por catro goles a cinco na visita que na tarde deste sábado fixo ao campo de A Bouza, en Barrantes, para medirse ao Umia C.F.-Boa Vila, no que o protagonismo volveu recaír unha vez máis en Jorge Castro, autor de catro dos cinco tantos verdinegros, que foi un auténtico pesadelo para unha defensa local que se mostrou fráxil e insegura. O conxunto de O Leixo formou con Joserra baixo paus, Jorge Dávila, Carlos, Portas e Richi en defensa, Marcial, Javi, Rafa e Joseíño na liña medular, e Jorge Castro e Galiñanes na punta de ataque. Os primeiros minutos foron de equilibrio, nos que o Umia C.F.-Boa Vila se esforzaba en expoñer o seu xogo combinativo mentras que os de A Armenteira se defendían con garra e, dirixidos por Javi dende a zona de mediocentros, trataban de chegar rápido posible á zona de ataque, onde buscaban con insistencia a presenza de Jorge Castro. Foi precisamente o dianteiro de Vilar o que adiantaría aos seus ao finalizar con gran precisión unha xogada de contragolpe. Pouco duraría a alegría para os verdinegros, pois unha pena máxima sinalizada polo colexiado Fernández Rodríguez sería transformada por Martín Barral. A réplica do Armenteira Veteranos viría novamente da man de Jorge Castro que, culminando outro contraataque e recollendo un rexeitamento do meta Tucho, lograría dous novos tantos que poñían unha vantaxe que puido ser máis clara se Claudio Feijóo non rematase en gol unha bonita xogada colectiva do seu equipo e se o propio Jorge Castro fose quen de enviar ao fondo das redes un man a man que acabaría entre as luvas do gardamallas local. Tras o período de lecer o Umia C.F.- Boa Vila adiantou filas e imprimiu un maior ritmo ao xogo, pero unha incursión en ataque dos verdinegros polo costado esquerdo, deixaría o coiro nos pés de Galiñanes despois de varios rexeites, e o atacante de Valboa non perdonaría. Con todo, a tranquilidade que parecía traer o marcador para os visitantes non foi posible. Outro penalti a prol dos vermellos sería convertido novamente por Martín Barral e Severo Piñeiro, un dos futbolistas de menor estatura dos que compareceron sobre o terreo de xogo, empalmaría unha sensacional cabezada no primeiro pau despois dun saque de córner. Con tempo aínda para reaccionar, o Armenteira Veteranos foi máis efectivo có rival e Jorge Castro volvería sacar proveito da súa calidade e potencia nos metros finais para impoñerse á zaga dos de Barrantes e fixar o marcador final de catro goles a cinco. A rivalidade do duelo e a tensión acumulada ao longo do encontro derivaron nunha trifulca cando o colexiado deu o asubío final que, xunto co forte golpe sufrido polo meta Joserra nos ósos propios do nariz durante a primeira metade e que obrigou a manter detido o partido varios minutos, constitúen os dous aspectos máis negativos dunha cita fútbolística que reuniu a dous conxuntos de dúas localidades tan próximas e con tantos lazos en común e que viron como nos enfrontamentos desta temporada a cor verdinegra predominou sobre a vermella, xa que no partido da primeira volta o Armenteira Veteranos lograba tamén vencer en O Leixo por catro goles a tres. Esta vitoria deixa á escadra que preside José Luis Galiñanes na décima posición, con vinteoito puntos, que tratará de manter o próximo sábado na cita na que recibirán a visita do Fonte da Garza-Catoira Veteranos, décimo quinto clasificado con oito puntos.






Ningún comentario:

Publicar un comentario