Buscar neste blog

luns, 27 de marzo de 2017

Valiosa e traballada vitoria do equipo feminino do Armenteira C.F. ante o Atlético Estrada E.D.

O equipo feminino do Armenteira C.F. conseguiu este domingo unha valiosa e traballada vitoria ante o Atlético Estrada E.D. Nunha fresca tarde foron numerosos os afeccionados que acudiron á chamada da Xunta Directiva, que a través de carteis, das redes sociais ou do boca a boca tratou de mobilizar a todas as persoas ao seu alcance para que prestasen o seu apoio a estas rapazas neste importante e trascendental partido. O cadro técnico que compoñen Marcial Prado, Junior Tirado e Iván Borrageiros presentou un once inicial con Uxía na portería, Laura, Alessandra, Naomi e Fátima en defensa, Raquel, Diana e Karla na liña de medios, Ana Lorenzo polo costado dereito, Paula polo costado esquerdo e Ana Martínez na punta de ataque. Nada máis darse por iniciado o encontro as esperanzas locais parecían crebarse cando, no minuto 3, Fátima tratou de despexar un balón que foi a tropezar nunha compañeira e caiu ao pés de Sandra Domínguez, que batiu a Uxía. Co resultado en contra o Armenteira C.F. lanzouse ao ataque, e atopou a súa principal vía de acceso nos balóns en diagonal cara Paula, que se convertiu nun auténtico Puñal polo lado esquerdo. Ata dúas ocasións claras tivo a extremo de Pontevedra, nas que a fortuna e os nervios a traizoaron, ata que Ana Martínez se quedou soa ante a meta estradense e puxo o empate no marcador. De novo Ana Martínez, dous minutos despois, recibiu un balón en profundidade, e coa serenidade e a calidade que a caracterizan, bateu á meta Cristina Fernández e colocou por diante ás verdinegras. Non tardaría moito en reaccionar o Atlético Estrada E.D. e aproveitando o desconcerto defensivo das locais poría de novo a igualada no marcador. A resposta do Armenteira C.F. volveu pasar polos lanzamentos en profundidade que atopaban a Ana Martínez ou ben á velocidade de Paula, que en dúas arrincadas lograba sendos goles que parecían encarrilar o partido para as de O Leixo. Xa na segunda metade Ana Martínez completaba o seu hat-trick para tranquilizar a unha afección que vía que desta volta o triunfo se ía quedar na casa. Pero a saída do terreo de xogo de Naomi, que por motivos laborais tivo que abandonar o terreo de xogo, e o cansanzo das xogadoras do Armenteira C.F., que só dispoñían dun recambio, fronte ás catro suplentes que reforzaron ás estradenses, provocaron que a recta final do encontro tivese por escenario principal a metade de campo defendida polas verdinegras. Nunha desas aproximacións visitantes, unha indecisión entre as centrais, que trataban de despexar de cabeza, e a porteira, deixou o balón para que unha dianteira rival recurtanse distancias. Pouco despois a mala fortuna contribuiu a dar aínda máis emoción ao partido. Un balón raso e suave xogaba unha mala pasada a Uxía e escapábase ao fondo das mallas. Quedaron por diante dez minutos intensos nos que as futbolistas do Armenteira C.F. se defenderon con garra para amarrar unha vitoria por cinco goles a catro, a segunda que acadan na presente temporada, e que supón o premio xusto e merecido ao sacrificio que semana a semana e partido a partido realizan estas mozas nunhas circunstancias non demasiado favorables e cuns resultados adversos que non diminuiron o seu ánimo nin a súas gañas de seguir aprendendo e progresando. Foi un exemplo de compromiso e implicación a nivel colectivo que buscarán repetir o próximo domingo na cita que terán no campo de Berdón, en Vilagarcía de Arousa, ante o Atlético Arousana, décimo clasificado con vinte puntos.






Ningún comentario:

Publicar un comentario