O equipo infantil do Armenteira C.F. caiu derrotado por catro goles a cero ante o C.D. Ribadumia no partido disputado na tarde deste sábado no campo de A Senra-2 ante o C.D. Ribadumia. Era unha cita tremendamente esixente para os rapaces e rapazas que dirixe Valentín Estévez "Tilín", xa que o rival é o líder destacado e conta cun potencial bastante superior ao de calquera outro conxunto do grupo. Con todo, o equipo infantil do Armenteira C.F. mantivo a compostura, especialmente nos primeiros minutos, e con orde e sacrificio colectivo soubo prantar cara á escadra aurinegra. O gol de Manuel Mougán poñía de cara o encontro para os locais, pero non sería ata o segundo período, cando unhas controvertidas decisións do colexiado Piñeiro Docampo, tremendamente protestadas polo adestrador visitante Valentín Estévez "Tilín", marcarían definitivamente o rumbo dos minutos restantes. No medio da polémica dous goles caerían a prol do C.D. Ribadumia, mentres un desesperado "Tilín" era sancionado cun cartón vermello directo por un colexiado moi condicionado polo ambiente e a presión, e que non estivo demasiado afortunado sobre o céspede artificial das modernas instalacións deportivas de Santa Baia. Este resultado mantén na novena posición a unha formación verdinegra que terá unha difícil cita a próxima fin de semana no campo de O Leixo ante un rival directo na zona media-alta da táboa, o Unión Dena C.F., sétimo clasificado con trinta e oito puntos, seis máis ca os de A Armenteira.
Ningún comentario:
Publicar un comentario