Sóese dicir que máis que gañar ou perder o importante é participar. Para o equipo sénior feminino do Armenteira C.F. está premisa é basica, e foi comunmente aceptada por todas aquelas persoas que, dunha maneira ou outra, colaboraron na posta en marcha deste proxecto. A inexperiencia era a nota característica. A primeira vez na historia que a entidade competía cun equipo feminino, un grupo de xogadoras, un excelente grupo humano, pero sen apenas experiencia no fútbol, un cadro técnico pouco afeito a estas circunstancias... Todo un cúmulo de factores que facían prever que ía ser unha temporada difícil en moitos aspectos. Se ben é certo que os resultados non se deben medir exclusivamente en vitorias ou derrotas, e esa foi a filosofía que asumiron os responsables do proxecto, neste senso a sorte non foi favorable para estas futbolistas. Pero o traballo, as gañas, a ilusión e a identificación coas cores verdinegras de todas as persoas que se embarcaron nesta singladura non decaiu e, aló polo 20 de novembro do pasado ano chegou o premio. Nunha tarde fría e chuviosa no campo Manuel Regueiro de A Estrada estas rapazas lograron vencer e lograr un triunfo que quedará inscrito con letras de ouro na historia do Armenteira C.F. Non fora un partido fácil. Os nervios, a tensión coa que xogaron ámbolos dous conxuntos, a lesión da porteira Uxía... Moitas dificultades ás que lograron sobrepoñerse cunha coraxe envexable.
Pasaron catro meses dende entón e este domingo estas mozas teñen de novo a oportunidade de atoparse coa gloria. O Atlético Estrada E.D. visita O Leixo para disputar un duelo no que se porá en xogo o orgullo e a valía dous equipos modestos que loitan por facerse un oco nunha modalidade deportiva á alza. O valor relativo que pode ter o triunfo para outros moitos equipos adquire aquí un carácter especial. Acostumadas a convivir con resultados adversos o 26 de marzo o Atlético Estrada E.D. e o Armenteira C.F. tratarán de prantar cara ao destino e lograr a merecida recompensa ao sacrificio de toda unha temporada. Para elo, é preciso que todos e todas, e que esa afección que, de forma acondicional, as leva acompañando partido tras partido, poñan o seu grao de area para que o valor do triunfo, ese valor relativo ou non, poida ser disfrutado por estas valerosas xogadoras. A Xunta Directiva do Armenteira C.F. non escatimará esforzos, e ao bo ambiente, ao sabor dos pinchos que serven habitualmente nos partidos agarda engadir o sabor da vitoria.
Ningún comentario:
Publicar un comentario